Noticias

A Deputación adxudica o programa de fomento do envellecemento activo "Tecendo lazos"

Esta actuación representa un investimento por parte da institución provincial de 60.000 euros e permite artellar espazos de encontro interxeracionais


12 dec 2016
tecendo lazos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu hoxe, no Pazo provincial, a Xunta de Goberno na que se aprobou a adxudicación do contrato para a organización, o desenvolvemento e a  execución do programa "Tecendo lazos". A empresa que se encargará do seu desenvolvemento será Forox Innovación, S. L.

"Tecendo lazos" ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo, mellorando a actividade física, cognitiva e social das persoas maiores, e das máis novas, as súas habilidades sociais e a súa empatía co resto das xeracións.

O programa tamén ofrece un espazo de encontro e intercambio de experiencias que potencien movementos de participación e cooperación social a través de obradoiros englobados nas áreas "Riscos en familia", "Coas mans nos pucheiros", "Álbum familiar", "Brincadeiras de sempre" e "O noso son".

"Tecendo lazos" está dirixido a residentes dos concellos de menos de 20.000 habitantes e prolongarase ata o 15 de xaneiro.