Noticias

O Plan Concellos da Deputación destinará este ano case 800.000 € ao Grove, un 7,74 % máis que en 2016, case 5 puntos máis que a media provincial

O Plan da Deputación para 2017 achégalles unha media dun 3 % máis de cartos aos concellos da provincia; O Grove, cunha suba de case 56.000 euros, é un dos máis beneficiados


25 xaneiro 2017

A Deputación de Pontevedra achegaralle ao Concello do Grove este ano 2017, no marco do Plan Concellos, 776.996,10 €, en total 55.791,85 € máis que en 2016, o que supón un crecemento do 7,74 % con respecto ao ano pasado, case cinco puntos máis que a media provincial. En 2016 O Grove  xa tivo un 28,8 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 161.459,10 € máis). Á marxe do Plan Concellos, O Grove recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra investiu no Grove 1.101.647,73 €. En liñas xerais, desta contía, 721.204,25 € correspondéronse co Plan Concellos. Ademais, a institución provincial investiu 35.633,58 € en mobilidade, 75.286,58 € en cohesión social e xuventude, 56.537,28 € en emprego, 47.026,36 € en cultura e lingua, 74.768,29 € en deportes, 7.662,69 € en igualdade, 12.524,22 € en medio ambiente e 8.822,88 € en turismo.

En concreto, O Grove investiu 475.000,00 € da liña 1 do Plan Concellos para un edificio para auditorio e escola de música e para o proxecto técnico correspondente. A través da liña 2, amortizacións, O Grove destinou 56.933,29 € para gasto corrente novo; da liña 3, actividades, o Concello investiu 27.000 € nas Xornadas da Centola, regatas de dornas, actividades culturais da Festa do Marisco, Gala Municipal do Deporte, Carreira Popular, Liga de fútbol-Sala municipal, dinamización en igualdade e prevención da violencia de xénero e no XXIII Premio de Novela Curta "Manuel Lueiro Rey"; e finalmente O Grove dirixiu 162.270,96 € da liña 4, emprego, para a contratación de 30 persoas para a realización de tarefas no concello.

No caso do fomento da cultura e lingua, o Concello recibiu 47.026,36 € da Deputación de Pontevedra, cos cales se organizaron 55 actuacións do Pontegal, actividades de dinamización lingüística, sinalización e rehabilitación do patrimonio histórico e memoria histórica e tres actividades enmarcadas no Ano Castelao.

Tamén se destinaron 75.286,58 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais especializados e comunitarios municipais, da teleasistencia domiciliaria (da que se beneficiaron 23 persoas) e das axudas básicas de emerxencia, ben mediante os programas "En ruta coa Depo" (no que participaron tres asociacións), "Tecendo lazos", "Depotermal" ou "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 38 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, O Grove recibiu 74.768,29 € para 14 clubs de deporte federado de base, para que tres equipos participasen en ligas e competicións oficiais, para que tres equipos participasen na Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para o desenvolvemento de oito actividades deportivas e para as escolas deportivas provinciais (tres de balonmán e unha de piragüismo). Tamén 56.537,28 € destinados ao fomento do emprego a través do Plan de Práctica Laboral, que está a permitir que seis persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no concello do Grove, así como 7.662,69 € para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a través do programa "Conectadas", que organizou no concello tres cursos de formación.

Ademais, a institución provincial achegou 12.524,22 € para a Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, para melloras informáticas na lonxa, e 35.633,58 € en materia de mobilidade para o Plan MOVESE e para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais do Grove, así como 8.822,88 € para destinar un bolseiro á oficina de turismo.