Noticias

O goberno de Carmela Silva destina ao concello do Grove 160.000 euros para a humanización da rúa Castelao entre Luis A. Mestre e Luis Casais

Con estas achegas a Deputación aprobou xa o 51,32 % do orzamento que lle corresponde ao Grove ao abeiro do Plan Concellos 2017


02 xullo 2017
Plna Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de case 160.000 euros para o Concello do Grove. En concreto, con esta achega, o goberno local poderá humanizar a rúa Castelao entre Luis A. Mestre e Luis Casais.

Este novo investimento na localidade súmase aos xa aprobados ata o momento e que supoñen o 51,32 % do orzamento que lle corresponde ao Grove ao abeiro do Plan Concellos 2017. Así, O Grove recibiu xa preto de 400.000 euros  a través dos cales puido poñer en marcha actuacións como a substitución do pozo localizado no Burato da Londra por un dunha maior capacidade, o financiamento de actividades como o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, a Gala Municipal do Deporte, as actividades do Entroido, a Carreira Popular, un simposio internacional de escultura ao aire libre ou un programa de dinamización en Igualdade e prevención da violencia de xénero. Ademais, e tamén ao abeiro do Plan Concellos 2017, O Grove está a contratar a 26 persoas para desenvolver tarefas que garantan os servizos básicos municipais.

O Goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para O Grove, leva xa distribuídos máis de 29 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 70,6 % do Plan Concellos. Máis polo miúdo, 17 millóns de euros correspóndense coa liña 1, de Investimentos, 3,6 millóns de euros coa liña 2, Gastos, e 8,5 millóns de euros coa liña 3, Emprego.