Noticias

A Deputación aprobou dúas novas achegas por valor de máis de 90.000 euros para o Concello do Grove

O Goberno de Carmela Silva leva entregado o 63 % do total destinado ao Grove dentro do Plan Concellos 2017, cun investimento situado preto de 800.000 euros


09 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar por sendas resolucións provinciais dúas novas achegas ao Concello do Grove, por valor de máis de 90.000 euros, no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 36.023,82 euros para mellorar as redes de saneamento e augas fluviais da praza de Arriba, e 54.226,18 euros para a actuación integral en seguridade viaria e mobilidade sostible na EP-9106 desde a EP-9101 ata a igrexa de San Vicente.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara ao Grove outros 194.030,04 euros na liña 1 para humanizar a rúa Castelao entre Luis A. Mestre e Luis Casais e para a substitución do pozo localizado no Burato da Londra por un dunha maior capacidade. Á marxe da liña 1, outros 30.000 euros en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, a Gala Municipal do Deporte, as actividades do Entroido, a Carreira Popular, un simposio internacional de escultura ao aire libre ou un programa de dinamización en Igualdade e prevención da violencia de xénero. Finalmente outros 174.742,22 euros en liña 3 para a contratación de 26 persoas nos distintos servizos municipais desta localidade.

Coa suma desta nova achega, O Grove xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 63 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 489.897,05 euros dun total de 776.996,10 euros.