O Goberno de Carmela Silva aproba máis de 70.000 euros para O Grove, que completa o Plan Concellos 2017
Con esta última achega, a vila do Salnés xa recibiu os 776.996,10 euros que lle corresponden ao abeiro do Plan Concellos 2017
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha nova achega para o Concello do Grove por valor de 71.994,10 euros. Con este novo investimento poderá levar a cabo a construción dun parque de Skateboard, BMX e Roller Vert Wall na avenida de Beiramar. Con esta achega, a vila do Salnés xa ten aprobado o 100 % do Plan Concellos 2017, isto é 776.996,10 euros, un 7,74 % máis que o que recibiu en 2016.
Anteriormente, ao abeiro do Plan Concellos 2017, xa recibira máis de medio millón de euros para levar a cabo obras como a humanización da rúa Castelao, o bombeo do burato da Londra, a actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible na EP9106, para o saneamento e pluviais en praza de Arriba, o investimento dunha nova instalación lúdico deportiva en Confín ou a mellora de parques infantís na vila do Salnés.
Ademais destas actuacións, encadradas na liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén destinou outros 30.000 euros, na liña 2, para actuacións como o premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, a Gala Municipal do Deporte, a liga de fútbol sala municipal, as actividades do entroido, a carreira popular, o simposio internacional de escultura ao aire libre, a regata das dornas, o programa de dinamización en igualdade e prevención da violencia de xénero e protocolos, programas e avaliación dos programas e actividades Vellos Tempos. Ademais, a institución provincial tamén aprobou achegar 174.742,22 euros para a contratación de 26 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.
Con este último investimento para o Concello do Grove, a Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas na provincia por valor de máis de 40,5 millóns de euros, é dicir, o 97,5 % do plan.