Noticias

O museo deseña un itinerario específico para dar a coñecer a obra de Maruja Mallo con motivo do Día das Artes Galegas

No Sexto Edificio poderán verse por primeira vez dou debuxos da súa serie ‘Fantásticas criaturas'


31 marzo 2017
Museo

"Queremos dar a coñecer facetas novas de Maruja Mallo, como artista e como muller que loitou polos seus dereitos, e facer visitas diferentes ás visitas guiadas tradicionais" asegurou esta mañá Paula Tilve, unha das coordinadoras do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra, durante a presentación das actividades organizadas con motivo do Día das Artes Galegas. A principal novidade é unha montaxe específica que se realizou nunha das salas do terceiro andar do Sexto Edificio para exhibir, por primeira vez, dous debuxos desta artista pertencentes á serie ‘Fantásticas criaturas'.

As dúas coordinadoras do Gabinete didáctico, Paula Tilve e Lourdes Parada, o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentaron as actividades específicas da institución para este mes de abril en relación á homenaxeada nesta edición no Día das Artes Galegas. "O traballo do Gabinete didáctico fai que este Museo sexa un museo vivo e este tipo de actividades como as visitas e os faladoiros permiten que o público participe e coñeza a obra da colección dun xeito diferente" asegurou Xosé Leal. O deputado tamén quixo salientar a riqueza das coleccións do Museo de Pontevedra asegurando que "dos homenaxeados nas tres edicións do Día das Artes Galegas temos obra aquí, o que é indicativo da importancia deste Museo a nivel nacional en toda Galiza".

Hai que lembrar que o Museo de Pontevedra posúe tres obras de Maruja Mallo, entre as que se conta ‘Cabeza de negra' (1946), de singular importancia e beleza. Agora, co gallo da dedicación do Día das Artes Galegas a esta artista, poderanse ver expostos, por primeira vez, dous debuxos de corte surrealista da súa serie ‘Fantásticas criaturas'. A particularidade destes dous debuxos está en que se atopan en dúas caras dunha mesma folla, polo que se deseñou unha montaxe específica para a súa exhibición, inseríndoos nunha estrutura que permite que se vexa cada debuxo por un dos lados. Ademais, a sala na que se atopan estas tres obras reorganizouse para que dialoguen con obras doutros e doutras artistas do mesmo momento histórico que Maruja Mallo.

"Non temos un gran número de obras de Maruja Mallo pero as que temos son de gran importancia" asegurou Carlos Valle, quen ademais quixo poñer o foco en que "parece que o Día das Artes Galegas se celebra desde fai moito tempo, cando levamos tan só tres edicións, e esta pegada é indicativo de que somos un país maduro".

Faladoiro e visitas guiadas

O sábado 1 de abril, ás 18h, todas as persoas que o desexen poderán participar na presentación da montaxe expresamente creada para esta efeméride no terceiro andar do Sexto Edificio onde habitualmente está exposta a ‘Cabeza de negra' de Maruja Mallo, desta vez acompañada dos dous debuxos e en diálogo coas obras doutras e outros grandes artistas do seu tempo.

Os venres 7,21 e 28 de abril, tamén ás 18h, iniciarase un percorrido denominado ‘Faladoiro con Maruja Mallo'. Trátase dunha actividade deseñada para dar a coñecer a esta artista dunha forma diferente a partires de fotografías, obxectos, poesía e imaxes. Tras o faladoiro farase un itinerario pola colección do Museo facendo pequenas paradas diante da obra de artistas vinculados con Maruja Mallo. No roteiro amosaranse obras de surrealistas galegos cos que Maruja Mallo tivo relación, como Eugenio Granell ou Urbano Lugrís; obra de seu irmán, o escultor Cristino Mallo; de amigos da xeración do 27 como Dalí e debuxos de Alberti -que tamén se rescataron do arquivo do Museo para esta ocasión-; ou de Benjamín Palencia, co que formou parte da chamada Escuela de Vallecas.

Fotos


Novas relacionadas

Día das artes galegas

29 marzo 2017, arte, día internacional, maruja mallo
Día das artes galegas

01 abril 2017, igualdad, igualdade, exposición, homenaje, homenaxe, maruja mallo