Noticias

Arte e comercio local aúnanse no Día das Artes Galegas

Un debuxo realizado por ‘Polo Correo do Vento' e baseado na obra ‘Sorpresa del trigo' de Maruja Mallo figurará nas novas bolsas de pan de A'Devesa


30 marzo 2017
Día das artes galegas

O Día das Artes Galegas é a data escollida pola panadería e pastelería pontevedresa de carácter familiar A'Devesa para presentar unha iniciativa na que conflúen arte e comercio local. Trátase da presentación dun deseño para unha nova bolsa de pan creado por ‘Polo Correo do Vento'. Os artífices deste colectivo, Enrique Mauricio e Carlos Taboada, realizaron un debuxo propio baseado na obra de Maruja Mallo ‘Sorpresa del trigo', que servirá para difundir e dar a coñecer a súa traxectoria vital e artística dun xeito máis popular e masivo. A presentación realizarase mediante un almorzo informativo e terá lugar ás 11h na planta superior do Sexto Edifico do Museo.

"Saudamos con entusiasmo esta iniciativa, porque consideramos que a arte debe chegar á sociedade a través de diferentes formatos, e este tipo de colaboracións co comercio local é unha das fórmulas máis efectivas para chegar ao gran público" sinala o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. O deputado, que participará na presentación do vindeiro sábado, estará acompañado por Patricia Novás Barcala, responsable de tendas de A'Devesa, e por Enrique Mauricio e Carlos Taboada, de ‘Polo Correo do Vento'.

"Esta obra está directamente ligada ao pan, porque Maruja Mallo se inspira nunha manifestación na que uns labregos de Tarancón pedían pan" afirma Enrique Mauricio, quen tamén engade que "nós entendemos o pan como cultura, sobre todo en Galicia, onde ademais dun valor cultural tamén é un sinal da nosa identidade". Pola súa banda, Patricia Novás afirma que "cremos que vincular o eido da cultura coa nosa empresa supón unha nova oportunidade para dar a coñecer o que facemos dun xeito diferente".

‘Sorpresa del trigo'

A obra ‘Sorpresa del trigo'  foi exposta en maio de 1936 en Madrid nunha mostra organizada polo colectivo ADLAN (Amigos del Nuevo Arte). Diversos autores documentan que Maruja Mallo pintou este lenzo inspirada nunha moza campesiña que enarbolaba unha bola de pan durante a manifestación do 1 de maio. Foi ademais o último cadro que pintou antes de partir para o exilio en Bos Aires.

‘Sorpresa del trigo' é o primeiro lenzo da serie ‘La religión del trabajo' coa que a autora rende homenaxe aos traballos do campo e do mar. Esta serie consta de sete lenzos, dous dedicados ao campo e cinco ao mar, e foi completada en Arxentina. Cando partiu para o exilio en febreiro de 1937, Maruja Mallo ía cargada coa súa obra, entre a que destacaba este cadro polas súas considerables dimensións, un metro de ancho e preto de 70 centímetros de alto.


Novas relacionadas

Día das artes galegas

29 marzo 2017, arte, día internacional, maruja mallo