Noticias

A Deputación celebra o Día das Artes Galegas en Beluso

Debido á relación que tivo Maruja Mallo con esta parroquia de Bueu, celebrará un acto simbólico na Casa do Pobo de Beluso


29 marzo 2017
Día das artes galegas

O Servizo de Cultura e Lingua está a organizar un acto de homenaxe a Maruja Mallo o sábado 1 de abril, Día das Artes Galegas, na Casa do Pobo de Beluso. O lugar escollido débese á relación que a artista viveirense tivo con esta parroquia de Bueu, lugar no que residía antes de exiliarse na Arxentina a comezos de 1937 e no que realizou os apuntamentos e bosquexos coñecidos como Caderno de Galicia. Á hora de deseñar o acto de conmemoración, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quixo salientar "a importancia de levar este tipo de actividades a aqueles concellos da provincia cos que a persoa homenaxeada tivo unha relación destacada, como neste caso ocorre con Bueu". Leal tamén aproveitou para mencionar o feito de que "o que esta artista retratou durante a súa estancia en Beluso foi de gran relevancia na súa posterior etapa artística no exilio".

Para poñer en valor esta parte da súa historia e a importancia que tivo no desenvolvemento da súa traxectoria, a Deputación deseñou un programa orientado a todo tipo de públicos e franxas de idade. Así, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa do Pobo de Beluso acollerá un contacontos a cargo de Polo Correo do Vento, dirixido a público familiar, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade (200 butacas). Enrique Mauricio e Carlos Taboada escenificarán a través da palabra e do debuxo a traxectoria de Maruja Mallo e os fitos máis significativos da súa vida. Son os autores ademais do libro infantil Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, da súa colección Mulleres Galegas, libro no que se baseará o contacontos.

Tras esta actividade familiar, ás 19:00 horas comezará o acto institucional coas intervencións do alcalde da localidade, Félix Juncal, do deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e do profesor e crítico de arte, Carlos López Bernárdez. O acto tamén contará coa actuación musical dun cuarteto de clarinete da Banda de Música de Bueu.

Este acto complementa a programación que o Concello de Bueu realiza para homenaxear a artista á que este ano a Real Academia Galega de Belas Artes lle dedica o Día das Artes Galegas. Entre outras iniciativas cóntanse as actividades que durante esta semana están realizando os alfombristas de Bueu en colaboración cos centros educativos e que terán continuidade no Día do Corpus, no que está previsto que varias alfombras florais reproduzan obras desta artista. A estas actividades tamén se lles sumarán os actos que en maio levará a cabo o Museo Massó.

Maruja Mallo en Beluso

Maruja Mallo vivía en Beluso co seu compañeiro, o sindicalista marxista Alberto Fernández Martínez "Mezquita", no verán de 1936. A pintora, que chegara á Galiza para traballar coas Misións Pedagóxicas no marco da Institución Libre de Ensino, realizou en Beluso apuntamentos e bosquexos da vida mariñeira e dos traballos propios do mar, como barcas e aparellos de pesca, e de pescadores, que posteriormente levaría con ela para a Arxentina e que aproveitaría para crear a súa serie La religión del trabajo. Estes apuntament0s consérvanse ademais no denominado Caderno de Galicia –tamén coñecido como "Caderno de Bueu"–. Tamén é salientable que naquela época, ás portas do levantamento fascista de xullo de 1936, Beluso e Bueu eran un lugar de encontro de intelectuais galegos como Johán Carballeira, José Suárez ou Federico Ribas. Precisamente sobre estes aspectos versará a intervención do profesor Carlos López Bernárdez, especialista e estudoso da relación de Maruja Mallo con Beluso e con Bueu.