Noticias

Beluso acolle unha homenaxe á Maruja Mallo máis reivindicativa

Concello e Deputación puxeron en valor a pegada da artista na historia da arte, a súa participación nos movementos de vangarda, e a súa loita a prol da igualdade de xénero e das clases traballadoras


01 abril 2017
Día das artes galegas

"Non é ningún segredo que Maruja Mallo non tivo o mesmo tratamento histórico que os seus compañeiros coetáneos masculinos, e que a recuperación da súa figura, da súa obra e da súa traxectoria é unha tarefa que estamos a facer nos últimos anos, para reparar esta afrenta e reivindicar o posto que lle corresponde na nosa historia" afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a súa intervención na homenaxe que Deputación e Concello realizaron na Casa do Pobo de Beluso. Este acto, organizado con motivo do Día das Artes Galegas, contou coa presenza do alcalde de Bueu, Félix Juncal, do profesor e crítico de arte, Carlos López Bernárdez, e do deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

"Maruxa Mallo foi unha muller adiantada ao seu tempo, defensora dos dereitos da clase traballadora á que sempre representou na súa obra" comezou dicindo o alcalde da localidade, Félix Juncal. O rexedor tamén se referiu á "importancia que esta nosa vila de Bueu xogou na arte de Maruxa Mallo" e destacou que foi "unha pintora á que lle tocou manifestarse en momentos complicados, e a isto debemos sumar a loita que Maruxa tivo que desempeñar polo feito de ser muller, motivo polo cal é todo un referente na consecución da igualdade entre sexos".

A faceta reivindicativa da artista tamén foi especialmente salientada por Xosé Leal, quen afirmou que "mesmo na súa obra, a representación da figura feminina racha co patrón, e representa mulleres fortes, activas, empoderadas, imaxes que aínda seguen vixentes a día de hoxe". Leal tamén fixo referencia á súa sensibilidade para retratar as causas e as loitas das clases traballadoras, así como o seu carácter transgresor "primeiro nos movementos de vangarda coa xeración do 27 e nos últimos anos da súa vida sumándose á corrente da ‘movida".

Maruja Mallo e Beluso

O lugar escollido para a celebración deste acto, a Casa do Pobo de Beluso, atende á relación que a artista viveirense tivo con esta parroquia de Bueu, lugar no que residía antes de exiliarse en Arxentina a comezos de 1937 e no que realizou os apuntes e bosquexos coñecidos como Caderno de Galicia. Neste sentido, Xosé Leal volveu lembrar "a importancia de levar este tipo de actividades a aqueles concellos da provincia cos que a persoa homenaxeada no Día das Artes Galegas tivo unha relación destacada, como neste caso ocorre con Maruja Mallo e Bueu".

Maruja Mallo vivía en Beluso co seu compañeiro, o sindicalista marxista Alberto Fernández Martínez "Mezquita", no verán de 1936. A pintora, que chegara a Galiza para traballar coas Misiones Pedagógicas no marco da Institución Libre de Enseñanza, realizou en Beluso apuntes e bocexos da vida mariñeira e dos traballos propios do mar que posteriormente levaría con ela para Arxentina e que aproveitaría para crear a súa serie La religión del trabajo. Estes apuntes consérvanse ademais no denominado Caderno de Galicia –tamén coñecido como Caderno de Bueu-. Esta parte da historia foi explicada polo profesor e crítico de arte, Carlos López Bernárdez, que salientou "a importancia do Caderno de Bueu, un caderno de debuxos fundamental para o desenvolvemento do seu estilo e para a posterior produción pictórica no exilio". Hai que lembrar que La religión del trabajo é unha serie coa que a autora rende homenaxe aos traballos do campo e do mar. Consta de sete lenzos, dous dedicados ao campo e cinco ao mar, e foi practicamente pintada na súa totalidade en Arxentina. Tan só o primeiro dos lenzos, titulado Sorpresa del trigo, foi pintado antes do exilio e sábese que Maruja Mallo se inspirou nunha moza campesiña que reclamaba pan nunha manifestación do 1 de maio.

Tamén é salientable que naquela época, ás portas do levantamento fascista de xullo de 1936, Beluso e Bueu eran un lugar de encontro entre intelectuais galegos como Johan Carballeira, José Suárez ou Federico Ribas. Carlos López Bernárdez asegurou a este respecto que "a artista viviu en Bueu a experiencia da represión fascista, da que deixaría un aceso documento escrito unha vez chegada á Arxentina: Relato veraz de la represión en Galicia, publicado en 1938".

Previo a o acto institucional, a Casa do Pobo de Beluso acolleu un contacontos a cargo de Polo Correo do Vento. Enrique Mauricio e Carlos Taboada escenificaron a través da palabra e do debuxo a traxectoria de Maruja Mallo e os fitos máis significativos da súa vida. Ambos son os autores ademais do libro infantil Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, da súa colección Mulleres galegas. Este libro, no que se baseou o contacontos, tamén foi presentado ao público no día de hoxe aproveitando o simbolismo da data.


Novas relacionadas

Día das artes galegas

29 marzo 2017, arte, día internacional, maruja mallo