Noticias

A Deputación de Pontevedra homenaxea a estadía de Maruja Mallo en Beluso cun mural na casa do pobo

Toma como referencia unha ilustración de Polo Correo do Vento que recolle á artista pintando no Caderno de Beluso en compaña de Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas


18 xullo 2017
Mural

A Casa do Pobo de Beluso loce desde hoxe na súa fachada principal un mural que recolle a estadía da artista Maruja Mallo nesta parroquia durante o verán de 1936. Unha estadía que se veu interrompida con motivo do golpe fascista do 18 de xullo, motivo polo cal Deputación e Concello elixiron este día simbólico para presentar o mural, que representa á artista mentres pinta no Caderno de Beluso en compaña de Johan Carballeira, José Suárez e Federico Ribas. "Esta data é unha escolla simbólica porque Maruja Mallo foi unha vítima máis do golpe fascista do 36 e aquel 18 de xullo foi un día triste que puxo fin a toda a actividade cultural e artística que había na República" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a súa intervención. O deputado nacionalista estivo acompañado por varios concelleiros e concelleiras de Bueu, polo alcalde, Félix Juncal, polos autores da ilustración e do mural, os integrantes do colectivo Polo correo do vento, Enrique Mauricio e Carlos Taboada, pola directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado, e por representantes de colectivos como a Asociación de Alfombristas e a Asociación Amigos de Johan Carballeira.

"Esta acción vainos permitir lembrar e visualizar a partires de agora e cada día o que foi un Bueu moi diferente ao que temos a día de hoxe" manifestou Félix Juncal. O alcalde tamén se referiu á importancia da colocación do mural porque "a Casa do Pobo foi un edificio levantado pola veciñanza de Beluso, e esta tamén é unha maneira de homenaxear aos veciños e ás veciñas e de poñer de manifesto a relevancia desta parroquia na vida social e na historia de Bueu". Sobre a relevancia deste enclave no verán de 1936 tamén afondou Xosé Leal, que asegurou que "a praia de Beluso naquel momento tiña a maior concentración de artistas por metro cadrado", e insistiu en poñer en valor a "importancia do Bueu naquela época" e en "converter este mural nunha acción de recuperación da nosa memoria".

Pola súa banda, Enrique Mauricio e Carlos Taboada, explicaron que o "estilo infantil" da pintura representada responde a que a ilustración elixida pertence ao seu libro Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, da súa colección Mulleres galegas. Manifestaron que a través desta pintura queren deixar constancia de "como era a vida naquel momento, da vangarda artística daquela época" e que se viu truncada por causa do acontecido o 18 de xullo. Enrique Mauricio e Carlos Taboada aseguraron que as persoas representadas no mural "non enterraron cadáveres, senón que enterraron semente, e por ese camiño temos que continuar".  "Queremos reivindicar que o golpe non rematou con eles, senón que os engrandeceu e temos que recuperar a súa memoria" aseguraron.

Maruja Mallo e Beluso

Maruja Mallo vivía en Beluso co seu compañeiro, o sindicalista marxista Alberto Fernández Martínez "Mezquita", no verán de 1936. A pintora, que chegara a Galiza para traballar coas Misiones Pedagógicas no marco da Institución Libre de Enseñanza, realizou en Beluso apuntes e bocexos da vida mariñeira e dos traballos propios do mar que posteriormente levaría con ela para Arxentina e que aproveitaría para crear a súa serie La religión del trabajo. Estes apuntes consérvanse no denominado Caderno de Galicia –tamén coñecido como Caderno de Bueu ou Caderno de Beluso–. Este caderno está considerado como fundamental para o desenvolvemento do estilo da pintora e para a súa posterior produción no exilio. Entre esa produción destaca a mencionada La religión del trabajo, unha serie coa que a autora rendeu homenaxe aos traballos do campo e do mar e que consta de sete lenzos, dous dedicados ao campo e cinco ao mar, e que foi practicamente pintada na súa totalidade en Arxentina. Tamén é salientable que naquela época, ás portas do levantamento fascista de xullo de 1936, Beluso e Bueu eran un lugar de encontro entre intelectuais galegos como Johan Carballeira, José Suárez ou Federico Ribas.

Mensaxe da familia de Maruja Mallo

Con motivo da presentación do mural, os sobriños de Maruja Mallo, Elena e Antonio González Conde, fixeron chegar unha mensaxe de agradecemento por esta acción. A mensaxe di o seguinte: "A familia de Maruja Mallo está moi agradecida polo interese que demostra o Concello de Bueu en torno a Maruja. A súa estancia en Beluso durante o verán do ano 1936 supuxo para ela un punto de partida para algunhas das series que posteriormente realizou en América: La religión del trabajo, as Naturalezas vivas ou os Retratos bidimensionales están inspirados naqueles apuntes que ela tomara en Bueu e que están recollidos no Caderno de Bueu/Beluso. Grazas a todos!"

Fotos


Novas relacionadas

Día das artes galegas

01 abril 2017, igualdad, igualdade, exposición, homenaje, homenaxe, maruja mallo