Noticias

Salvaterra invirte en pasarelas sobre ríos, saneamento, pistas e emprego co Plan Concellos da Deputación

O deputado lembrou que o investimento do plan este ano 2017 na vila se sitúa en máis de 700.000 €, un 13,33 % máis que o ano anterior, dez puntos por riba da media provincial


07 marzo 2017
Ponte en Salvaterra

O deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez, acompañado por membros da corporación municipal, visitou esta mañá en Salvaterra de Miño algunhas das actuacións desenvolvidas na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopa a execución de dúas pasarelas peonís sobre o río Mendo e unha sobre o rego de Lobeira. En concreto, esta reforma supuxo un investimento de preto de 45.000 € aos que hai que engadir outras achegas destinadas á pavimentación de ata 19 pistas municipais, ao saneamento, ao pagamento de gastos correntes, á Festa do Viño do Condado de Tea e Son da Muralla e á creación de oito postos de traballo nos servizos municipais.

Rodríguez subliñou que "a través da execución destas tres pasarelas peonís, en madeira tratada e cimentadas sobre pozos de formigón, é posible conectar as marxes do río Mendo e do rego de Lobeira, prestando un mellor servizo á veciñanza da zona e impulsando espazos de lecer e tempo libre á beira do río de gran riqueza paisaxística e medioambiental". Ademais, o deputado provincial lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou a Salvaterra de Miño 634.146,66 €, case un 47 % máis de achegas que en 2015.

O deputado de Turismo tamén recordou que "durante o ano 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva fixo un investimento total de preto dun millón e medio de euros na vila de Salvaterra, facendo que os veciños e as veciñas deste concello poidan ter unha mellor calidade de vida" e reiterou que "seguiremos apostando polos concellos, que son os que máis necesitan a actuación directa da Deputación de Pontevedra".