Noticias

Salvaterra de Miño suma cinco novos investimentos por valor de máis de 180.000 € ao abeiro do Plan Concellos 2017

Cun investimento superior aos 400.000 €, a institución provincial xa leva entregado o 56 % do importe total de Salvaterra de Miño dentro do Plan Concellos 2017


15 abril 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, cinco novas achegas ao Concello de Salvaterra de Miño ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2017 e que ascenden a un importe total de 182.201,94 €.

As actuacións que foron aprobadas pola institución provincial nesta fase foron as seguintes: o saneamento do Outeiral (que recibe 44.320,85 €), a realización de obras no acceso ao núcleo de Abelán, en Fornelos (cun investimento de 40.000 €), a mellora dos accesos a Porto de Abaixo (cunha achega de 39.128,77 €), o saneamento da Devesa, en Cabreira (que recibe 31.226,13 €) e, por último, o acondicionamento e a pavimentación dunha pista municipal de Rañe, en Fornelos (cun investimento de 27.526,19 €).

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Salvaterra de Miño 60.397,04 € na liña 1 para a mellora de accesos na travesía escolar e outros 161.702,73 € para a contratación de 22 persoas que desempeñasen as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do plan.

Coa suma destas cinco novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Salvaterra de Miño xa supera a metade, pois xa recibiu o 56,3 % do total do investimento. Isto supón que a vila do Condado xa dispón de 404.301,71 € dun total de preto de 720.000 € (esta cantidade representa, ademais, un 13 % máis do que recibiu no exercicio anterior).