Noticias

O Goberno da Deputación aproba achegar preto de 130.000 € para investimentos en Salvaterra de Miño

Trátase das primeiras concesións en Salvaterra de Miño da liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2017, a través do cal a Deputación de Pontevedra destinaralle á vila 718.678,80 €, un 13,33 % máis que o ano pasado


12 marzo 2017
Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a segunda concesión de subvencións, dentro da liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2017. Neste caso o concello beneficiario da achega é Salvaterra de Miño, que percibirá 128.570 € para a construción dun parque público en Teáns, Oleiros.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que "grazas a esta liña 1 do Plan Concellos as vilas e os pobos da nosa provincia poden levar a cabo investimentos que permiten dotar de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, para garantir a calidade de vida das veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia. No caso concreto de Salvaterra, permitirá poñer en marcha un espazo para o uso e goce das nenas e nenos de Teáns".

Silva tamén aproveitou para recordar que este ano "o Plan Concellos destinará a Salvaterra de Miño 718.678,80 €, é dicir, un 13,33 % máis que no ano 2016, cando se destinou ao concello 634.146,66 €, un 47 % máis de achegas que o ano anterior". A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén engadiu que "en total o Goberno provincial fixo un investimento na vila de preto dun millón e medio de euros, conseguindo mellorar así a calidade de vida das veciñas e veciños de Salvaterra e impulsando que a vila teña maiores equipamentos e infraestruturas".

A Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar dúas concesións no marco da liña 1 do Plan Concellos 2017 para que os municipios de Barro, Mos e Salvaterra de Miño poidan levar a cabo investimentos nos seus núcleos de poboación, por valor de máis de 332.926,30 €. A liña 1 do Plan Concellos 2017 destinaralles ao longo do ano un total de 25.750.000 €, o 62,5 % do total do Plan, aos municipios da provincia de Pontevedra.