Noticias

Salvaterra contará cun campo de fútbol de herba sintética

A empresa COVSA, cun orzamento de 350.594 €, será a encargada da realización da obra nun prazo de 4 meses


07 dec 2016
regades
regades

O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, David Regades, compareceu en rolda de prensa para informar da contratación das obras para a construción do campo de fútbol de herba sintética de Fornelos-Oural, en Salvaterra do Miño. Esta actuación, que foi adxudicada a COVSA entre as 20 empresas presentadas ó concurso e que comezará de xeito inmediato, desenvolverase nun prazo de 4 meses e contará cun orzamento de 350.593,77 €.

A Deputación de Pontevedra achegará o 75% do orzamento e o concello de Salvaterra o 25% restante para este proxecto que, en palabras de Regades, "reformulará o campo de fútbol de terra actual para introducir céspede artificial, garantindo a seguranza das cativas e dos cativos que practican este deporte". Amais, tamén se instalará unha rede de rego e nova iluminación así como se mellorarán todas as instalacións necesarias para a correcta utilización deste campo de fútbol, colocando 2 porterías de fútbol 11 e 4 de fútbol 7, para as máis cativas e cativos, dúas bancadas de xogadores e bandeiríns de córner flexibles.

David Regades manifestou que con esta adxudicación "poñemos en marcha unha obra moi necesaria para Salvaterra, na que levábamos meses traballando, e damos resposta ás demandas da veciñanza do concello, que reclamaba con urxencia as actuacións que de xeito inmediato desenvolveremos en Fornelos-Oural".


Novas relacionadas