Noticias

A Deputación de Pontevedra ofrécelle ao Concello de Salvaterra de Miño a súa colaboración para impulsar proxectos no municipio

O Concello recibirá da institución provincial un total de 634.146,66 €, un 46,5 % máis que no ano 2015


02 feb 2016
Carmela Silva e Arturo Grandal
Carmela Silva e Arturo Grandal

Na súa primeira visita institucional a Salvaterra de Miño a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceulle ao alcalde, Arturo Grandal Vaqueiro, a súa colaboración para apoiar o Concello nos plans de futuro que ten en marcha. Salvaterra de Miño recibe este ano da Deputación máis de 630.000 €, un 46,5 % máis que o que obtivo en 2015 grazas ao Plan Concellos 2016, que garante unha repartición xusta e equitativa dos recursos entre os 62 concellos da provincia de Pontevedra. Neste eido o alcalde amosouse moi satisfeito co modelo do Plan Concellos implantado polo novo goberno da Deputación de Pontevedra.

A presidenta agradeceulle ao alcalde a cordialidade e disposición do goberno local para levar adiante aqueles proxectos que ambas as institucións poidan desenvolver nos próximos meses. Neste sentido amosouse satisfeita por ser Salvaterra de Miño un dos primeiros concellos en especificar en que actuacións vai destinar o investimento da Deputación de Pontevedra. En concreto, o alcalde subliñou que o investimento achegado pola Deputación se vai destinar a realizar pavimentacións das pistas municipais de Chans (Fiolledo); Gandarela (Pesqueiras); Fraga, Saa e Cruz (Fornelos); Ferreiros e Bouza do Viso (Salvaterra); Feira, Couto e Cachopal (Lira); Couto e Ermitas (Salvaterra); rúa San Francisco (Salvaterra); Raña (Fornelos); Valiño-Cruceiro (Vilacoba); Bouzo (Meder) e Cantalarrana e Abeleira (Lourido); así como melloras no acceso ao núcleo de Abelán (Fornelos); saneamento na Igrexa (Arantei); e a execución de dúas pasarelas peonís sobre o río Mendo e sobre o rego de Lobeira en Salvaterra.

Tamén dentro do Plan Concellos 2016 a Deputación de Pontevedra aprobou, na pasada Xunta de Goberno do 29 de xaneiro, unha axuda de 140.000 € para que Salvaterra de Miño poida contratar 20 traballadoras e traballadores coa finalidade de cubrir os servizos e as necesidades do concello ao longo do ano. A maiores, o novo goberno da institución provincial acaba de achegar 5.000 € para que Salvaterra poida instalar no seu concello un parque biosaudable.

Ademais, nun clima de total cordialidade entre a presidenta da Deputación e o alcalde de Salvaterra de Miño, falouse sobre a posta en marcha das obras no campo de fútbol Fornelos- Oural, ao que a Deputación destina 331.000 € e 110.000 € o Concello de Salvaterra.


Novas relacionadas