Noticias

O deputado David Regades visita o inicio das obras de conexión do centro de día de Cuntis á rede de sumidoiros

A Deputación de Pontevedra concedeulle unha subvención de máis de 39.000 euros ao Concello para os servizos da nova instalación


31 xaneiro 2017
Visita obras

O deputado de Cooperación, David Regades, acompañado do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e da concelleira Conchy Campos, visitaron hoxe o novo centro de día, as obras de conexión eléctrica e a rede municipal de sumidoiros, que contan cunha subvención do Plan Concellos 2016.

Regades subliñou que esta importante obra ten como finalidade a acometida do centro de día á rede municipal de sumidoiros  mediante un grupo de bombeo e  a súa subministración eléctrica. Ao mesmo tempo, esta nova conexión permitirá nun futuro dar servizo ás propiedades lindeiras nun desenvolvemento urbanístico da zona.

A obra contou cunha subvención do Plan Concellos 2016 por valor de 39.555 euros que foi solicitada polo Concello de Cuntis á Deputación de Pontevedra.

Posteriormente, David Regades, Manuel Campos e Conchy Campos tamén visitaron as obras de limpeza de cunetas nas parroquias de Couselo, Portela, Arcos, Estacas, Troáns, Cequeril e Piñeiro. En total van ser 55 quilómetros de limpeza e nivelación das marxes destes camiños municipais, que contan tamén cunha subvención de 35.000 euros do Plan Concellos 2016.

Xa para rematar o alcalde e a concelleira de Cuntis amosáronlle ao deputado provincial as diferentes termas coas que conta a vila.

O Concello de Cuntis contou en 2016 con subvencións da Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos, por valor de 502.694 euros. Para o ano 2017 o orzamento do que disporá o Concello será de 534.837 euros, o que supón un incremento do 6,41 %.