Noticias

A Deputación proporá unha solución de acceso para o novo centro de día de Cuntis

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, comprometeuse hoxe co alcalde, Manuel Campos, a coordinar a urbanización da EP-8402 entre a rúa da Palma e a ponte do río Patela


30 mar 2016
Cuntis

Os técnicos da Deputación de Pontevedra buscarán unha solución para o acceso ao novo centro de día que se abrirá no concello de Cuntis. Así o manifestou hoxe o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, nun encontro co alcalde do municipio. Así mesmo, o responsable de infraestruturas viarias tamén se comprometeu a coordinar a urbanización da EP-8402 entre a rúa da Palma, no núcleo urbano, e a ponte do río Patela.

Uxío Benítez recibiu a Manuel Campos acompañado da nova directora de Mobilidade da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, para falar das actuacións do novo goberno da Deputación. Como petición prioritaria o rexedor propuxo que o centro de día de Cuntis (que aínda non está en servizo) teña o seu acceso principal desde unha vía de titularidade provincial, a EP-8403 (Cuntis-Alto da Cruz), xa que non é viable obter autorización para facer a entrada principal desde a N-640. Benítez, coñecedor da necesidade da apertura do centro para darlles servizo aos veciños e de que xa hai terreos a disposición para executar as obras, manifestou a súa disposición para que o departamento de Mobilidade propoña a solución que una o novo equipamento coa estrada provincial.

Por outra parte, o deputado de Mobilidade ofreceu a supervisión e coordinación dos técnicos da Deputación para elaborar o proxecto de urbanización da travesía de titularidade provincial que vai do núcleo urbano de Cuntis (rúa da Palma) á ponte do río Patela, onde conecta co Parque de Maráns e o camiño a Castro Landín (EP-8402). O alcalde indicou que o Concello pode asumir a redacción do proxecto, pero solicitou a supervisión do equipo provincial co fin de cumprir co novo decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais, aprobado no Pleno polo novo Goberno provincial. Benítez indicou que a reforma da vía pode encaixar nas actuacións da Deputación, xa que se pretende mellorar os tránsitos peonís na zona, na que hai un colexio e un cemiterio.

Así mesmo, a reunión de hoxe serviu tamén para falar da posibilidade de mellorar varias interseccións viarias, así como de urbanizar outras estradas provinciais e de aplicar o Plan MOVESE, polo que a Deputación está a traballar para calmar o tráfico en treitos da rede provincial nos que se debe mellorar a seguranza viaria.