Noticias

A Deputación instalará sete redutores de velocidade no cruzamento das estradas provinciais que conducen á escola unitaria da Gándara, en Cuntis

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, confirmoulle hoxe ao alcalde que as obras, de 19.264 euros, están na última fase de contratación


16 marzo 2017
Intersección en Cuntis

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe en Cuntis a inminente contratación dun paquete de obras na intersección das dúas estradas provinciais que se cruzan no municipio: a EP-8404, entre Piñeiro-Arcos, e a EP-8403, entre Cuntis-Alto da Cruz. Este cruzamento, situado nas inmediacións da escola unitaria da Gándara, na parroquia de Arcos, contará, en breve, con sete redutores físicos de velocidade (RFVV) e unha "zona 30", que terán como resultado un calmado do tráfico e unha maior seguranza viaria para todas as persoas usuarias da vía, tanto vehículos coma peóns.

O responsable de Mobilidade explicoulle a actuación hoxe ao alcalde, Manuel Campos. Indicou que, dado que é habitual que os coches circulen a moita velocidade pola zona, a pesar das advertencias de que hai un centro escolar nas inmediacións, a fórmula máis acaída para solucionar a falta de seguranza viaria é obrigar os condutores a moderar a velocidade dos seus coches non só con sinais que marquen un límite máis baixo senón con elementos físicos "que obrigan a frear, queiran ou non queiran, para non danar o seu vehículo".

Segundo dixo Benítez, as obras serán inminentes, xa que a Deputación está a ultimar o procedemento de contratación. Así, os sete redutores e a nova sinalización estarán instalados probablemente antes do verán, xa que o prazo de execución dos traballos é dun mes.

Por outra parte, o deputado de Mobilidade tamén anunciou o futuro acondicionamento da rúa A Palma, no núcleo urbano. Segundo indicou, a expensas do acordo ao que se chegue co Concello, esta rúa –sobre todo o treito inicial de 400 metros antes da ponte– precisa unha actuación de mellora, xa que esta presenta claros signos de deterioro polo seu importante tránsito: leva ao colexio, ao pavillón deportivo, ao cemiterio, á Comandancia da Garda Civil e ao xacemento de Castro Landín. "Entendemos que podemos facer unha actuación de mellora, con calmado de tráfico e acondicionamento da plataforma. Haberá que estudar como se fai o convenio co concello para poder mellorar tamén as beirarrúas e pechar un acordo", subliñou Benítez.

Esta actuación na rúa A Palma (EP-8402, entre Cuntis-Cequeril) podería ir acompañada da cesión da titularidade por parte da Deputación ao Concello do treito máis urbano, xa que a vía ten unha lonxitude total de 8,1 quilómetros.

No encontro entre o deputado Benítez e o rexedor de Cuntis estiveron tamén o novo xefe do Servizo provincial de Mobilidade, Francisco Alonso, e o asesor de Mobilidade, Jesús Fole.