Noticias

Carmela Silva visita en Cuntis proxectos e obras realizadas grazas ás achegas da Deputación de Pontevedra en 2016

O goberno provincial investiu este ano no concello de Cuntis un total de 730.000 €, dos que medio millón de euros procederon do Plan Concellos. Silva agradeceulle ao goberno local "que destinase unha gran parte dos fondos ás persoas"


20 decembro 2016
Cuntis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, fixo hoxe un percorrido por diversas obras e proxectos levados a cabo nesta vila a través das axudas que recibiu Cuntis por parte da Deputación de Pontevedra en 2016 e, ademais, anunciou o investimento que recibirá esta vila o ano que vén a través do Plan Concellos 2017. Carmela Silva sinalou que a institución provincial lle achegará o vindeiro ano un 6 % máis de recursos ao concello no marco deste plan, un incremento que vén dado polas novas bases deste, que teñen por obxectivo beneficiar as vilas máis pequenas da provincia.

Deste xeito, Cuntis recibirá un total de 534.837,62 € do Plan Concellos 2017, 32.233,23 € máis que este ano, o que supón un 6,41 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 36,30 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 133.915 € máis). "Temos un compromiso total e absoluto cos concellos, sobre todo cos de menos de 10.000 habitantes, que son os que van recibir máis financiamento; e respectamos a autonomía municipal xa que única e exclusivamente o Concello de Cuntis decide en que se invisten as achegas da institución provincial", destacou Carmela Silva. Á marxe do Plan Concellos, Cuntis recibirá o ano que vén outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da institución provincial, ás que o concello poderá concorrer.

Durante a súa visita Carmela Silva coñeceu de primeira man o programa "Habilitas fogar" na Biblioteca Municipal de Cuntis, proxecto que recibiu unha achega a través da liña 3 do Plan Concellos 2016. Este é un programa "de integración das persoas con diversidade funcional, e por iso estou gratamente emocionada xa que os recursos da Deputación se dedican a atender as persoas, e estas son as boas prácticas dun goberno que entende que as persoas están por enriba de todo", asegurou. A continuación, a presidenta provincial achegouse ao colexio Aurelio Marcelino Rey García, centro gañador do Festival de Telearqueoloxía da Deputación de Pontevedra na categoría Lascas. Este foi "un proxecto que pretendeu pór en valor o noso patrimonio arqueolóxico, e Cuntis, unha vez máis, nos sorprendeu sendo un concello pequeno, de menos de 5.000 habitantes, no que acontecen grandes cousas. Participaron todos os concellos da provincia e foi Cuntis quen o gañou a través dun centro educativo, o que significa que hai moito compromiso dos mestres e das mestras desta vila", puxo en valor Carmela Silva.

A presidenta da institución provincial tamén visitou o proxecto de mellora de vías e pistas polideportivas, ao que a institución provincial achegou 81.728,38 €, que incluíu as obras de mellora, por unha banda, das instalacións deportivas situadas a carón do colexio visitado e, pola outra, de cinco pistas e camiños rurais, que foron pavimentados "xa que estaban nun estado de total deterioro". Tamén coñeceu, por último, o estado das obras de reposición dunha vía en Hervés, cunha achega de 43.333 € e que se están a desenvolver neste momento.

A presidenta, Carmela Silva, puxo en valor que "o alcalde e o goberno de Cuntis están a centrar a súa actuación no rural, ao contrario do que se facía anteriormente, cando as actuacións se centraban no casco urbano". Neste sentido, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, asegurou que "é o que temos que facer para que estas áreas se desenvolvan e non baixen en poboación". Ademais, o rexedor municipal asegurou que "en Cuntis estamos encantadas e encantados coas achegas da Deputación de Pontevedra xa que, dunha vez por todas, os investimentos se fixeron directamente aos concellos e con equidade".

Investimentos totais durante 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Cuntis un total de 730.026 €, dos cales 502.604,39 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 57.300 € en mobilidade, 49.000 € en cohesión social e xuventude, 37.400 € en cultura e lingua, 29.000 € para o fomento do emprego, 5.400 € para o impulso do deporte e 7.800 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 335.655,41 € para a realización de melloras nas redes de semáforos e iluminación pública, para o arranxo da rúa Castelao, para o cambio do tellado do Centro Petelas e das Escolas de Mesego, para a mellora das depuradoras municipais, para o arranxo de camiños no rural, para un proxecto de obras participativas e a conexión do grupo de bombeo do Centro de Día á rede municipal de sumidoiros. Ademais, 35.000 € para sufragar gastos correntes na liña 2; na liña 3 achegáronse 18.845 € para diversas actividades coma a Festa Histórica do 18, "Habilitas no fogar" e diversas actividades deportivas, entre outras; e creáronse, grazas á liña 4, 20 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 113.000 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Cuntis recibiu 37.429,17 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con arredor de 50 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, actividades de dinamización lingüística ou axudas para a sinalización e rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 49.049,50 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, da axuda básica de emerxencia e do servizo de teleasistencia domiciliaria (do que se benefician 8 persoas) ou ben mediante os programas "En Ruta coa Depo", "DepoTermal", "Tecendo lazos" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 15 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Cuntis recibiu 5.436 € para o deporte federado de base, a copa de fútbol Deputación de Pontevedra, diversas actividades deportivas e a DEPOrte Escola de atletismo que se desenvolve no concello, así como 28.869 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que tres persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral tanto no Concello de Vilanova coma no tecido empresarial da vila. Tamén se achegaron 7.778,70 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas 2016" e o programa de fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero. A Deputación de Pontevedra investiu, do mesmo xeito, 57.309,26 € en materia de mobilidade, en concreto para as obras de sinalización horizontal e a través do Plan MOVESE.