Noticias

O deputado Carlos López Font visita en Ponteareas as obras da escola infantil financiadas polo Plan Concellos 2016

O deputado provincial lembrou que os investimentos do plan para este ano 2017 na localidade se situan en máis de 1,1 millóns de euros, un 3 % máis que no 2016


20 abril 2017
Visita as obras en Ponteareas

O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, visitou hoxe en Ponteareas, acompañado polo alcalde Xosé Represas e membros do goberno municipal, algunhas das actuacións desenvolvidas na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopan as realizadas na escola infantil do concello. En concreto, esta actuación, enmarcada na liña 1 do plan, supuxo un investimento de 30.000 € a través dos cales se acondicionou un espazo tan necesario para a localidade.

Tal e como informou López Font, "a través desta achega do Plan Concellos, Ponteareas puido resolver os problemas da escola infantil que, debido á súa antigüidade, non estaba adaptada á normativa relativa a estes centros educativos. En definitiva, a través da achega o Concello puido manter, conservar e adaptar á lexislación unhas instalacións que estaban moi deterioradas, instalando calefacción, carpintería de aluminio, protectores de radiadores e realizando todas aquelas obras que permiten dispoñer en Ponteareas dunha escola infantil con todas as garantías para as máis pequenas e pequenos do concello".

Carlos López Font lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou a Ponteareas 1.111.728,68 €, o que supuxo un 13 % máis que durante o ano 2015. Tamén subliñou o deputado que "grazas a este plan, ademais das obras na escola infantil, aprobáronse no marco da liña uns investimentos para o acondicionamento da área recreativa da Freixa; na mellora da seguridade viaria en Canedo, Arnoso, Areas, Cillarga, Cumiar e Mouro; no proxecto de colocación de marquesiñas en Ponteareas; no proxecto de sinalización e marcado viario da vila; na reposición do saneamento na rúa Rogelio Groba; no proxecto de abastecemento de auga no barrio de Ribeira do río Tea; no saneamento do barrio da Igrexa e O Areal; na actuación en dous tramos do saneamento existente nas inmediacións do IES Pedra da Auga; na memoria descritiva das obras do conservatorio municipal; na reparación do saneamento da rúa da Braña; en investimentos en humanización do Paseo Matutino e na ampliación da rede de abastecemento na Chan-Vilafría e o Cruceiro de Ponteareas".

En termos globais, o deputado provincial recordou que "durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra fixo un investimento de preto de 1,5 millóns de euros en Ponteareas, impulsando a posta en funcionamento de actuacións para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños da localidade".