Noticias

Marín completa ao 100% o Plan Concellos 2016 cun novo investimento de 255.521 €

A contía destinarase para a urbanización do vial P-5 da Urbanización Virxe do Carme


09 out 2016

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar a última contía para o concello de Marín pola que completa o 100% do Plan Concellos 2016. Trátase dunha partida de 255,521,42 € para a urbanización do vial P-5 da Urbanización Virxe do Carme, que se inclúe na liña 1 do plan provincial.

Esta nova cantidade vén sumarse a outras xa aprobadas para Marín dentro da liña 1 de Investimentos, por un total de 443.909,57 €. Foron partidas para mellora e renovación do alumeado público exterior na PO313 Coirados-Pardavila, pavimentación do acceso ao polideportivo municipal da Raña, mellora e renovación de alumeado público, reposición de pavimentos en camiños do rural e reconstrución da ponte e urbanización da rúa Ponte Zapal.

Ao abeiro da liña 3 destináronse un total de 35.000 € para actividades culturais, sociais, deportivas e medioambientais. Así mesmo, na liña 4 achegáronse 141.146 € para a contratación de 24 traballadores e traballadoras municipais.

Con esta última contía, Marín completa ao 100% o Plan Concellos 2016, cuns investimentos totais de 684.754,88 €. Esta última partida económica para Marín pon fin tamén aos investimentos do Plan Concellos 2016 en toda a provincia, xa que así quedan completadas na súa totalidade todas as partidas previstas nos sesenta municipios incluídos neste Plan.