Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina 420.000 euros para catro novos proxectos en concellos da provincia

As achegas, enmarcadas na liña 1 do Plan Concellos 2017, están destinadas a reformas de rúas municipais e espazos públicos para fins deportivos e culturais nos concellos de Cangas, Tui e Ponteareas


02 xuño 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de case 420.000 euros para que tres concellos da provincia poidan acometer catro novos investimentos nos seus termos municipais. En concreto, benefícianse das achegas Cangas, Tui e Ponteareas que levarán a cabo reformas de rúas así como proxectos en espazos públicos destinados a reunións, ao deporte e á cultura.

Carmela Silva subliñou que "coas axudas aprobadas esta mañá, que ascenden a 420.000 euros, levamos xa distribuídos case 14 millóns de euros, é dicir, o 53,25 % da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 euros". A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a importancia destas achegas "sen as que os concellos da nosa provincia dificilmente poderían facer fronte ás súas competencias, impulsar novos investimentos ou novos proxectos en beneficio das súas veciñas e veciños".

O Concello de Cangas recibirá 220.789,31 euros para impulsar unha nova capa de rodaxe en varias rúas e viarios municipais. Máis polo miúdo, con estas achegas o concello poderá mellorar as rúas Barreiras, Lagar, Nova, Gruncheiras, Carballal, Reboredo, Salgueira e Faroleira. Ata o momento, Cangas ten aprobado xa o 80,52 % do orzamento que a Deputación de Pontevedra lle destina no marco do Plan Concellos 2017.

No caso de Tui, o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou destinar 138.479,65 euros dos cales, segundo informou Carmela Silva, 69.889,60 euros serán para a reforma dos vestiarios nas instalacións deportivas Álvarez Durán e 68.590,05 euros para mellorar as instalacións do conservatorio de música do concello. Con estas achegas, Tui ten o 73,72 % do Plan Concellos 2017 aprobado.

Pola súa banda, Ponteareas recibirá 60.658,43 euros para a redacción da memoria descritiva e valorada para adaptar espazos no auditorio para configurar locais de reunión. Esta achega, sumada ás xa aprobadas ata o momento no concello, significan o 46,47 % do orzamento que lle corresponde a Ponteareas do Plan Concellos 2017.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou para recordar que "este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no 2016 e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa máis de 32,5 millóns de euros desde xaneiro, é dicir, o 78,88 % do plan".