Noticias

O goberno de Carmela Silva destina máis de 5.000 euros a Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos 2017

Con estas achegas a Deputación de Pontevedra aprobou xa o 81,38 % do orzamento que lle corresponde á localidade da comarca do Condado


31 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, a concesión dun investimento por valor de 5.249,20 € para o Concello de Ponteareas. En concreto, con esta achega, o goberno local poderá afrontar o gasto corrente para o campamento municipal de conciliación no rural.

Este novo investimento na localidade súmase aos xa aprobados ata o momento para Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos 2017. Así, Ponteareas recibiu xa máis de 900.000 euros a través dos cales está a poñer en marcha proxectos como a ampliación da rede de auga potable en Queidores (Bugarín), a pavimentación na rúa de Canedo, a mellora e mantemento na rede viaria municipal, a memoria descritiva e valorada da adaptación de espazo no auditorio para locais de reunión, reposición de saneamento na avenida de Galicia, actuacións de melloras e mantemento na pavimentación da rede viaria municipal, así como para afrontar gasto corrente novo, poñer en marcha a I Edición da Feira do libro, sinalizar e repintar rúas do casco urbano e reparar o rego no campo de fútbol de Pardellas. Ademais, e tamén ao abeiro do Plan Concellos 2017, Ponteareas está a contratar a 34 persoas para desenvolver tarefas que garantan os servizos básicos municipais.

Coa suma desta nova achega, Ponteareas xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 81,38 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 931.769,42 euros dun total de preto de 1.144.952,94 euros.