Noticias

Moaña recibe 50.000 € do Plan Concellos para o acondicionamento de edificios públicos

O Plan Concellos acada un grao de adxudicación do 94%, o que representa un investimento na vila de 866.774,67 €


25 set 2016

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante unha resolución presidencial, un novo investimento no concello de Moaña ao abeiro do Plan Concellos 2016. Trátase esta vez dunha axuda de 50.000 € cos que a vila emprenderá o acondicionamento de edificios públicos, unha partida correspondente á liña 1 (investimentos) do Plan Concellos.

Este importe ten que sumarse aos achegados ata o momento pola institución provincial nas distintas liñas do programa: 444.158,63 € na liña 1 para a adquisición dun camión guindastre, a realización de melloras do saneamento dos camiños da Miranda e a parroquia de Tirán e a construción do muro da ampliación do viario da costa na parroquia de Domaio; 131.807,52 € na liña 2, gastos correntes; ou 34.435,30 € na liña 3 dedicados ao Entroido 2016, a XXIX edición dos Circuítos Teatrais e a XXXII edición do Festival Intercéltico do Morrazo. Por último, 206.373,22 € foron achegados para a contratación de 24 traballadoras e traballadores.

Ata o momento a Deputación de Pontevedra xa ten asignado o 94,4% dos presupostos destinados a Moaña ao abeiro do Plan Concellos 2016, acadando un total de 866.774,67 € investidos.