Noticias

Moaña realizará investimentos por valor de 50.000 euros coas novas axudas do "Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 77,3% do total destinado a Moaña dentro do Plan, cun investimento próximo aos 750.000 €


23 xullo 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao concello de Moaña dentro do "Plan Concellos 2017", concretamente a través da súa liña 1 de investimentos, que suman unha axuda total de 51.000 euros. Nesta ocasión, a institución provincial destina 30.000 euros para impulsar un proxecto de mellora da eficiencia enerxética na estrada PO-551 (Tirán) e, ademais, outra axuda de 21.000 € que o concello de Moaña empregará para realizar a demolición e o acondicionamento dunha parcela en Ramón Cabanillas.

Ademais, anteriormente Moaña xa recibira 533.380,13 € para o arranxo das fachadas do CEIP Reibón, o acondicionamento da antiga Casa do Concello e da Praza de Abastos, a reforma do centro cultural Daniel Castelao, a adquisición dunha embarcación semirríxida que empregará nas labores dos seus servizos de salvamento e socorrismo, o acondicionamento das instalacións deportivas municipais, para a reforma dos seus centros escolares e para realizar unha serie de melloras no barrio do Real, a través da liña 1. Ademais, 144.811,23 euros para facer fronte a gastos correntes en liña 2 e, por último, 217.210,14 euros para a contratación de 29 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Moaña xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 77,3% do total de investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 746.401,50 € dun total de preto dun millón de euros.