Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 170.000 € do "Plan Concellos 2017" para que outras dúas vilas poidan amortizar ou afrontar débedas e gastos

Moraña e Poio son os beneficiarios desta nova achega da institución provincial ao abeiro da liña 2 do Plan Concellos 2017


26 febreiro 2017
Aprobación plan concellos

A Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar asegunda das concesións, no marco da liña 2 do "Plan Concellos 2017", para a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente así como outros derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais. Esta segunda das achegas aprobadas ten un valor de 173.208,49 € que serán destinados a Moraña e Poio.

Carmela Silva sinalou que "esta é unha liña moi relevante porque lles permite aos concellos facer fronte a todas estas actividades, e polo tanto garantir que as veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia poidan desenvolver unha serie de proxectos imposibles de subvencionar sen os recursos da Deputación de Pontevedra", así como facer fronte ás súas obrigas. Deste xeito, remarcou a Presidenta provincial, "se esta liña non existira moitos deles non cumprirían as leis que marca o goberno do Estado e que formulan a obriga de pagar aos acredores en tempo, a reducir a débeda e tamén a facer fronte ao gasto corrente".

En concreto,Poio recibirá 149.242,40 € para o pagamento de débedas a acredores de investimentos e Moraña 23.966,09 € para a V Carreira e Festa do Carneiro ó espeto así como para o obradoiro de cociña económica; para unha representación de teatro musical infantil; para os obradoiros "Relaxación física e mental", "Coidados xeriátricos dos pés a persoas beneficiarias do SAF" e "Fisioterapia e rehabilitación a domicilio a persoas beneficiarias do SAF"  e para o "Obradoiro de murais para a igualdade" enmarcado no programa de prevención da violencia machista e do fomento da igualdade.

Con esta segunda aprobación da liña 2 do Plan Concellos 2017, a Deputación de Pontevedra leva xa investidos 383.141,59 € en seis concellos da provincia para a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente así como gastos derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais.

Este ano a achega total á liña 2 do Plan Concellos 2017 está situada en 6.180.000 €, o que supón o15% da totalidade do Plan que, neste exercicio, conta cun orzamento de 41,2 millóns de euros, isto é, un 3% máis que o ano pasado.