Noticias

Máis de 1.000 persoas participan esta fin de semana no programa provincial "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de nove concellos percorrerán recursos turísticos de diferentes comarcas da provincia


20 setembro 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 prosegue esta fin de semana con 10 novas excursións nas que participarán máis dun milleiro de persoas de nove concellos da provincia. En concreto, serán 1.026 veciñas e veciños dos concellos da Guarda, Salceda de Caselas, Vigo, Pontevedra, Ponte Caldelas, Marín, Redondela, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa.

Máis polo miúdo, o sábado 21 de setembro serán 594 as persoas que se moverán por diferentes zonas da provincia de Pontevedra en ata 6 excursións. Deste xeito, 54 persoas do Centro Cultural e Veciñal San Xorxe, de Salceda de Caselas, visitarán o conxunto histórico de Cangas, coa igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, e Bueu, co Museo Massó e cabo Udra. Por outra banda, 54 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Vila Galicia, de Vigo, poderán coñecer Forcarei, co mosteiro de Aciveiro, e Silleda, co castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e a fervenza do río Toxa.

Tamén o sábado, 108 usuarias e usuarios da Asociación de Xubilados e Pensionistas Avoa, de Vigo, percorrerán A Illa de Arousa e O Grove e darán un paseo en barco pola ría. Ademais, 54 persoas da Asociación de Mayores de Puenteareas e 108 da Asociación Recuperación do Traxe Galego da Guarda gozarán dunha ruta marítima pola illa de San Simón e poderán coñecer tamén o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Por último, 108 persoas da Asociación de Veciños Heroes de Ponte Sampaio viaxarán ata as illas Cíes, mentres que á illa de Ons se achegarán 54 persoas da Asociación Os Amigos de Camposancos, de Pontevedra, e 54 usuarias e usuarios da Casa de Andalucía, en Vigo.

O domingo serán 432 as persoas que se moverán por diferentes zonas da provincia de Pontevedra en catro excursións. Deste xeito, 54 persoas da Asociación Cultural Laxe das Cruces de Tourón poderán coñecer o conxunto histórico de Cangas, coa igrexa do Hío, o miradoiro da costa da Soavela e Cabo Home, e Bueu, co Museo Massó e cabo Udra. Por outra banda, 54 persoas da Asociación Chan do Monte, de Marín, e 54 usuarias e usuarios do Centro Social Cultural Recreativo de San Vicente de Trasmañó, de Redondela, visitarán O Rosal e Tomiño e coñecerán a Ruta dos Muíños do Folón e Picón e a fortaleza de Goián.

Tamén o domingo 22 de setembro, 108 persoas do Centro Cultural Xinzo, de Ponteareas, e 54 persoas da Asociación Cultural e Social Castro Barreiro, de Salceda de Caselas, farán unha ruta marítima pola illa de San Simón; poderán coñecer tamén o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio. Por último, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Abelaiña, de Vilagarcía de Arousa, e 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Caselas, de Salceda de Caselas, farán unha ruta marítima que as levará ás illas Cíes.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén pretende dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar as asociacións de recursos para fomentar o envellecemento activo e promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza e se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto polo contorno.