Noticias

Preto de 600 persoas participan este fin de semana no programa provincial "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de oito concellos percorrerán recursos turísticos de diferentes comarcas da provincia


11 outubro 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza este fin de semana 10 novas excursións nas que participarán case 600 persoas de oito concellos da provincia. En concreto serán 594 veciñas e veciños dos concellos de Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Lalín, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas e Marín.

Deste xeito, o sábado 54 persoas do Asociación Cultural San Mateo, do concello de Ponteareas, descubrirán o mosteiro de Aciveiro, en Forcarei, o castro de Toiriz, en Silleda, e o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, no río Toxa. A saída está programada para as 9.00 horas na casa cultural da asociación. Esta mesma ruta será gozada por un grupo de 54 integrantes da Asociación de Vecinos de San Pedro de Sardoma O Carballo, pertencente ao Concello de Vigo.

O mesmo día tamén hai programadas dúas saídas desde o Concello de Pontevedra. Dunha banda, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo partirán, ás 9.00 horas, para visitar o castro de Santa Tegra, na Guarda, e o Concello de Tui co seu conxunto histórico, o monte Aloia e o Alto dos Cubos como puntos de interese. Doutra banda, 54 veciños e veciñas da Asociación Os Amigos De Camposancos viaxarán á Illa da Toxa, coñecerán a ría de Arousa cunha viaxe en barco, visitarán o Museo da Salga do Grove e pasearán pola zona da Lanzada. Así, esta ruta tamén será levada a cabo o sábado 54 integrantes da Asociación de Mulleres en Igualdade de Donsión, do Concello de Lalín.

Outras 54 persoas da Asociación de Veciños Malladoiro de Nerga, de Cangas, partirán o día 12 cara a Illa de San Simón. Nesta viaxe coñecerán, á parte da illa, o castelo de Soutomaior e o de Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela. A Asociación Cultural Chavariscas de Domaio, de Moaña, tamén se desprazará con 54 veciños e veciñas membros da asociación cara A Guarda. Deste xeito, visitarán o castro de Santa Tegra, o monte Aloia, o Alto dos Cubos e o conxunto histórico de Tui.

O domingo, por outro lado, haberá tres excursións. Unha delas, organizada pola Asociación de Pensionistas de Ariño-Aldán, de Cangas, contará con 108 participantes que viaxarán á Illa da Toxa, coñecerán a ría de Arousa cunha viaxe en barco, visitarán o Museo da Salga do Grove e pasearán pola zona da Lanzada. Desde Salceda de Caselas partirán 54 veciños e veciñas integrantes da Asociación Cultural e Deportiva Saliceta camiño á Illa de San Simón. Ademais deste destino, a ruta inclúe os castelos de Soutomaior e de Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela. Finalmente, o domingo outras 54 persoas da Asociación Camiño Vello de Marín e Comarca visitarán a ruta dos Muíños do Rosal e a fortaleza de Goián de Tomiño.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.