Noticias

Preto de 500 persoas participan esta fin de semana nas excursións do programa da Deputación "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de catro concellos percorrerán recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial


05 setembro 2019
En Ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza esta fin de semana 6 novas excursións nas que participarán preto de 500 persoas de catro concellos da provincia. En concreto, serán 486 veciñas e veciños dos concellos de Pontevedra, O Porriño, Vigo e Salceda de Caselas. O sábado, 54 persoas da Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias-Salceda de Caselas visitarán o mosteiro de Aciveiro, en Forcarei; e o castro de Toiriz, o mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa, en Silleda. Outras 54 persoas da Asociación Cultural A Forna-Porriño coñecerán, ese mesmo día, o parque da natureza do río Barosa, en Barro; o miradoiro do Val, en Portas; o xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e as Torres de Oeste, en Catoira.

Pola súa banda, o domingo, 108 persoas da Asociación Veciñal de Consumidores e Usuarios de Lavadores farán a ruta das camelias señoriais no pazo de Lourizán e a ruta das maceiras no pazo de Gandarón, en Pontevedra. Tamén percorrerán o pazo de Oca e a ruta das maceiras de Callobre, na Estrada. Ademais, outras 108 persoas da Asociación de Veciños de Beade coñecerán o santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza; e o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e a Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo. Por último, ese mesmo día, 162 persoas da Asociación de Veciños Salceda de Caselas e do Centro Cultural La Feria farán unha ruta por Arousa, coñecerán a Illa da Toxa e farán un percorrido en barco con degustación pola ría de Arousa. Máis tarde visitarán o Museo da Salga no Grove e darán un paseo pola zona e polo xacemento da Lanzada.

O programa "En ruta coa Depo" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia.  En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén ten como obxectivos dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra e dotar as asociacións de recursos para fomentar o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio e adquira novos valores de respecto ao contorno.