Noticias

Máis de 1.600 persoas participan esta semana no programa provincial "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de 14 concellos percorrerán recursos turísticos de diferentes comarcas da provincia, unha aposta máis do Goberno de Carmela Silva por combinar turismo sustentable e actividades saudables


25 setembro 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 ofrece esta semana 23 novas excursións nas que participarán máis dun milleiro e medio de persoas de 14 concellos da provincia. En concreto, 1.620 veciñas e veciños dos concellos de Pontevedra, Covelo, Tui, O Porriño, Silleda, Vigo, Mos, Cangas, Crecente, Baiona, Pazos de Borbén, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Bueu percorrerán recursos da provincia de Pontevedra nunha aposta máis do Goberno de Carmela Silva por combinar turismo sustentable e actividades saudables.

As rutas darán comezo mañá, xoves 26 de setembro, cando a Asociación Juan XXIII de Pontevedra levará 108 persoas ata Cuntis e Caldas de Reis para realizar unha ruta cultural polos seus conxuntos históricos, así como polo miradoiro do parque Maráns e o castro de Castrolandín. Ao día seguinte será a quenda da Asociación Cultural e Deportiva Río Xabriña de Paraños, de Covelo, grazas á cal 54 persoas farán unha ruta marítima pola illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio, así como polo Museo Meirande de Redondela. O mesmo día tamén gozarán dunha ruta marítima 108 persoas da Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor do Porriño. O percorrido inclúe unha visita á illa da Toxa, un paseo en barco pola ría de Arousa con degustación, un paseo polo Museo da Salga e outro pola zona da Lanzada e polo seu xacemento.

O mesmo venres, o Centro Sociocomunitario do Calvario de Vigo levará 108 persoas a unha ruta cultural polo conxunto histórico de Cangas, coa igrexa do Hío, o miradoiro da costa da Soavela e Cabo Home, e por Bueu, co Museo Massó e cabo Udra. Ademais, tamén o día 27, 54 membros da Coral Centro Social de Tui visitarán o mosteiro de Aciveiro, o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e a fervenza do río Toxa.

Xa entrados na fin de semana, 54 persoas da Asociación Fibromiálgica de Pontevedra sairán cara a Cambados para gozar do seu conxunto histórico, do Museo Etnográfico e do Viño, das ruínas de Santa Mariña Dozo e a adega do pazo de Fefiñáns, entre outros. Pola súa parte, 54 persoas da Asociación de la Tercera Edad Garatuxa de As Nosas Rúas de Vigo farán a mesma ruta cultural que as e os integrantes da Asociación Juan XXIII o día anterior.

Dúas organizacións da cidade olívica farán tamén o sábado 28 visitas marítimas da man de "En ruta coa Depo" 2019. Así, 54 persoas da Fundación Juan Soñador visitarán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés e 108 da Asociación de Veciños As Fontes de Lavadores gozarán da illa de Ons e da localidade de Portonovo. Esta mesma actividade será realizada por outras tantas persoas da Asociación Peñaflor do concello de Pontevedra o mesmo día. Por outra banda, a Asociación Cultural Con de Nerga realizará tamén unha ruta marítima, na que tomarán parte 54 persoas, por Vilagarcía de Arousa e O Grove e pasarán polo Museo da Salga e polo xacemento da Lanzada.

O último sábado de setembro tamén terá lugar unha ruta cultural, coa que 54 persoas da Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda visitarán o castro de Santa Trega, o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e o Alto dos Cubos. Pola súa parte, a Asociación de Mujeres Rurales Valle da Louriña de Mos levará 54 persoas a visitar varios lugares de Lalín, coma o Centro CastroDeza ou o Museo Etnográfico Casa do Patrón. Por último, o mesmo día, a Asociación Veciñal do Freixo de Crecente realizará con 54 persoas unha ruta temática titulada Camelias señoriais e Ruta das Maceiras, na que visitarán os pazos de Lourizán, Gandarón e Oca, así como a Ruta das Maceiras de Callobre, na Estrada.

Para rematar a fin de semana, o domingo 29 de setembro a Asociación de Veciños Santo Paio de San Pedro de Campañó, a Asociación Cultural Folclórica Unión Piñeira de Guillán e a Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa levarán 108, 108 e 54 persoas respectivamente a coñecer a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio, así como o Museo Meirande de Redondela, a través dunha ruta marítima. O mesmo día, o Centro Cultural e Recreativo de Cabral, en Vigo, e a Asociación 7.ª Lista Robaleira de Bueu achegarán cada unha 54 persoas a Cuntis a través dunha ruta cultural na que coñecerán o conxunto histórico deste concello, así como o de Caldas de Reis, o miradoiro do parque Maráns e o castro de Castrolandín.

As últimas rutas marítimas deste mes das "En ruta coa Depo" 2019 terán lugar en Arousa, a onde se achegarán a Asociación Cultural de Nespereira de Pazos de Borbén e a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán de Mos, con 54 persoas cada unha. A visita consistirá nun paseo en barco pola ría con degustación, unha visita ao Museo da Salga e un paseo pola zona da Lanzada e o seu xacemento. Pola súa parte, a Asociación de dianosticad@s de Cancro de Mama de Cangas levará 54 persoas a gozar da Casa Museo A Solaina de Piloño, a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo. Ademais, un total de 54 persoas da Asociación Baiona Bay coñecerán o Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro, o miradoiro do Val, en Portas, o xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro, en Valga, e as Torres de Oeste de Catoira.

O programa "En ruta coa Depo" 2019 oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, con esta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén aspira a dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra e dotar as asociacións de recursos para fomentar o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza e se poida sentir orgullosa deles, e para que coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.