Noticias

Máis de 900 persoas participan esta fin de semana no programa provincial "En ruta coa Depo" 2019

Veciñas e veciños de 12 concellos percorrerán recursos turísticos de diferentes comarcas da provincia


03 outubro 2019
En ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" 2019 organiza esta fin de semana 15 novas excursións nas que participarán case 900 persoas de 12 concellos da provincia. En concreto serán 918 veciñas e veciños dos concellos de Vilaboa, Mondariz, Moaña, Pontevedra, A Estrada, Silleda, Mos, Lalín, Vilanova de Arousa, Vigo, Soutomaior e A Cañiza.

Deste xeito, mañá 108 persoas do Club de Pensionistas Santa Cristina de Cobres, do concello de Vilaboa, descubrirán a Illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela. A saída está programada para as 9.30 horas no Concello de Vilaboa.

O sábado 5, pola súa banda, 54 persoas da Banda de Música Cultural de Mondariz visitarán as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo cunha comida tipo pícnic. Ademais, outras 54 persoas do Club de Pensionistas San Pedro de Domaio (Moaña) coñecerán os pazos de Lourizán e de Gandarón en Pontevedra, o de Oca na Estrada e a ruta das Maceiras de Callobre. 54 integrantes da Asociación Veciñal Doutor Fleming, do concello de Pontevedra, viaxarán a Cuntis para descubrir os segredos do seu conxunto histórico (a praza das Árbores, a Casa Grande dos Castro...), o mirador do parque Maráns e o castro de Castrolandín. En adición, en Caldas de Reis tamén visitarán o conxunto histórico.

Por outro lado, 54 persoas da Asociación Veciñas e Veciños da Parroquia de Orazo, da Estrada, conforman a expedición que viaxará á Guarda e Tui para coñecer o castro de Santa Trega, o Monte Aloia e o Alto dos Cubos. Desde a Asociación de Mulleres Rurais de Dornelas, de Silleda, tamén está proposta unha saída para o sábado 5 de outubro. Esta conta con 54 inscritas e inscritos que visitarán a comarca de Pontevedra, polo que coñecerán o mosteiro de Poio, a igrexa de Augas Santas de Cerdedo-Cotobade e a praia fluvial de Ponte Caldelas.

Outra expedición composta por 108 persoas da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, de Mos, partirá desde a igrexa de San Miguel de Pereiras, ás 9.00 horas, cara a ría de Arousa, pola que pasearán en barco. Ademais, coñecerán a Illa da Toxa, o Museo da Salga, no Grove, e o xacemento da Lanzada.

O domingo serán 540 as persoas que se moverán por diferentes zonas da provincia de Pontevedra en nove excursións. Deste xeito, 54 persoas da Asociación ACROFAM da Estrada poderán coñecer o conxunto histórico de Cangas, coa igrexa do Hío, miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, e Bueu, co Museo Massó e cabo Udra. Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora visitarán as illas Cíes a través dunha ruta marítima.

Tamén o domingo 6 de outubro, 54 persoas da Asociación de Veciños de Moneixas, de Lalín, farán unha ruta marítima pola illa de San Simón podendo coñecer tamén o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio. Ademais, outra expedición de 54 persoas da ANPA San Juan de Baión (Vilanova de Arousa) visitarán o mosteiro de Aciveiro en Forcarei, o castro de Toiriz en Silleda e o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.

Desde Vigo haberá o domingo dúas saídas, cada unha con 54 inscritos. A primeira delas, organizada desde a Asociación Monteira Grupo de Danzas do Mundo, terá como destino Meis, posto que as persoas participantes coñecerán o mosteiro da Armenteira, a ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns. Na segunda, pola súa banda, integrantes da Asociación ANHIDA coñecerán A Illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría de Arousa e logo visitarán O Grove e A Lanzada.

Cambiando de terzo, 54 integrantes da Asociación Veciñal e Cultural de Moreira (Soutomaior) viaxarán á Illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo; mentres que outras 54 persoas pertencentes á Asociación de Veciños San Bartolomé do Couto, da Cañiza, participarán nunha saída que percorrerá o Mosteiro da Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños de Batán, o Monte do Castro e o Pazo de Señoráns.

O programa "En Ruta coa Depo 2019" oferta este ano 20.000 prazas e 32 rutas para gozar dun día de convivencia, con xantar e transporte incluídos, por lugares emblemáticos da provincia. En liñas xerais, a través desta iniciativa a Deputación pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Tamén dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, así como promover os recursos máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.