Noticias

O Plan Concellos achega máis de 800.000 euros a seis municipios da provincia de Pontevedra

O grao de execución na liña 1 de investimentos é do 55,6%, cun importe total ata agora de máis de 16 millóns de euros


23 xuñ 2016
Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de darlle o visto bo a novas axudas para seis concellos da provincia, cuns investimentos totais de 884.790,71 €. Os municipios que percibirán os importes aprobados son A Estrada, Cangas, Covelo, Cuntis, O Rosal e Tui. Trátase de contías incluídas na liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2016.

No que vai de ano, o Plan Concellos dentro da súa liña 1 leva investidos 16.057.869,05 nos concellos da provincia, o que supón un grao de execución ata o momento do 55,6%.

Ao abeiro da liña 1, A Estrada recibirá 100.217,04 € para a reposición de servizos na rúa Fermín Bouza Brey, e con esta nova achega, lévase aprobado o 73% do total destinado ao municipio no marco do Plan. Así mesmo, o concello de Cangas beneficiarase de 229.903,67 € para a renovación urbana de varias rúas do municipio, cun grao de execución así do 88%. O municipio de Covelo vai recibir 231.719,78 € para a mellora do pavimento, drenaxe e reconstrución de muros en varios viarios municipais, co que as achegas do Plan Concellos ata agora quedan no 86%.

Para Cuntis aprobouse unha contía de 100.000 € para a realización de melloras en varios camiños do rural, cun grao de execución así do 53%. No Rosal investiranse 160.350,39 € para a restauración das cubertas de varios edificios municipais e con esta achega lévase executado o 83% do Plan Concellos neste municipio. Tui vai recibir 62.599,83 € para executar obras no interior do pavillón da Macoca  e queda así o grao de execución do Plan no 58%.