Noticias

Carmela Silva asistiu en cangas á visita guiada pola exposición "Violencia Zero"

A exposición ten por obxectivo fomentar unha actitude crítica fronte á violencia machista


02 set 2016

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, polo alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e pola C0misaria da Mostra, Paula Cabaleiro, asistiu esta tarde ávisita guiada pola exposición itinerante impulsada pola institución provincial "Mulleres en acción: Violencia Zero". A quenda tivo lugar na Sala de Exposicións Ángel Botello, na Casa da Cultura de Cangas. A partir deste mesmo luns e ata o 30 de setembro, a mostra poderá ser visitadade luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Esta nova parada en Cangas do Morrazo forma parte do percorrido que está a facer a mostra "Mulleres en acción: Violencia Zero" polos concellos nos que se desenvolveu o proxecto para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención na actual problemática da violencia machista. A exposición, que xa acolleron os concellos de Pontevedra, Tomiño, Lalín, Tui, Caldas, Redondela e Vilagarcía, poderase ver en Cangas antes de chegar en outubro a Moaña e, finalmente, en novembro á cidade de Vigo.

O obxectivo desta exposición, tal como lembrou a Presidenta, é "fomentar entre a cidadanía unha actitude crítica fronte á violencia machista", buscando ademais unha implicación real na loita contra esta lacra, que este ano xa provocou a morte de 30 mulleres en toda España, unha delas en Galicia, e 19 menores de idade orfos. Dende o organismo provincial, e a través desta mostra e doutras iniciativas, preténdese ademais insistir na necesidade de fomentar esta loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas. Carmela Silva lembrou, a este respecto, que "por primeira vez este Goberno provincial conta cunha área específica de Igualdade pero que á súa vez funciona de xeito integrado en todos os departamentos, algo que como muller política considero fundamental para a Deputación de Pontevedra".

A mostra recolle os resultados da acción artística contemporánea do proxecto, desenvolvido simultaneamente o pasado 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, por artistas galegas en 10 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis).

Carmen Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos, Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulovaforon asencargadas de lle dar corpo a "Mulleres en acción: Violencia Zero" con diferentes recreacións artísticas o pasado 25 de novembro. Todas elas son novas artistas galegas, polo que a través desta iniciativa tamén se visualiza o seu traballo, achegando así a arte contemporánea ás rúas a través do diálogo con todos os públicos e incentivando ao mesmo tempo a integración de mulleres e homes na loita contra a violencia machista.


Novas relacionadas

Violencia Zero en Caldas

03 xullo 2017, machismo, igualdad, igualdade, machista, caldas, violencia zero, violencia de género, violencia de xénero, fomento da igualdade, contra a violencia machista
Mulleres en acción. Violencia Zero

22 abril 2017, violencia zero, mulleres en acción, contra a violencia machista
Violencia Zero en Cangas

11 agosto 2017, cangas, violencia zero, mulleres en acción