Noticias

"Mulleres en acción: Violencia Zero" chega este mércores ao concello da Estrada da man da deputación de Pontevedra

Con este programa, a institución provincial e os concellos promoven conxuntamente a loita contra a lacra social da violencia machista


21 febreiro 2017
Violencia Zero

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistirá este mércores, 22 de febreiro, á acción escénica "Abismo", da artista Basilisa Fiestras, enmarcada na segunda edición do programa "Violencia Zero. Mulleres en Acción", o proxecto da institución provincial de loita contra a violencia machista. O acto celebrarase as 12:00 na Praza do Mercado estradense

No evento participarán estudantes de centros escolares da vila. Tal como sinala a autora, "O abismo sitúase espacial e emocionalmente presentándose como un termo de distanciamento, de oposición e mesmo de perigo. Mostrándose como un vertixinoso punto desde o que desequilibrarse e caer ao incomprensible e inabarcable. Exhibíndose como unha paisaxe ambigua e inestable".

Segundo sinala, "Fronte a este abismo, un corpo, que é observado desde unha mirada fragmentada e incompleta, pero que mostra estabilidade, rixidez e forza. Un corpo activo e consciente das súas posibilidades como medio artístico, que se presenta como materia, espazo e obxecto de expresión".

"Mulleres en acción. Violencia Zero" é un proxecto de acción artística contemporánea no espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco no estado actual da problemática da violencia machista no noso país. Este ano, o programa quixo ir máis aló da primeira edición, na que se celebraron o 25 de novembro dez performances, organizando accións en 25 concellos da provincia de Pontevedra entre os meses de novembro de 2016 e novembro de 2017, para darlle máis visibilidade á lacra da violencia machista.

As accións, a razón de dúas por mes, estanse a desenvolver nos concellos de Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Ponteareas, Cambados, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.