Noticias

O programa "Mulleres en acción. Violencia zero" chega a Bueu cunha performance da actriz Casilda Alfaro

Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra pretende reflexionar sobre os malos tratos e fomentar unha actitude crítica fronte á violencia machista


22 abril 2017
Mulleres en acción. Violencia Zero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, asistirá este luns 24 de abril ás 12 h, na praza de Massó, á performance ofrecida pola actriz galega Casilda Alfaro, unha actividade que se enmarca dentro do programa do Servizo de Igualdade da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero" e que ten por obxectivo concienciar a poboación sobre a lacra da violencia machista así como convidar á sociedade a reflexionar sobre as consecuencias desta. Entre o público estarán tamén ao redor de 200 estudantes pertencentes aos IES Illa de Ons e Johan Carballeira e ao CPR Virxe Milagrosa.

Esta iniciativa reúne o traballo de 25 artistas galegas, especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero, como é o caso da actriz Casilda Alfaro. Alfaro comezou a súa andaina artística en Teatro de Ningures, compañía da que é fundadora. Traballou tamén para Abrapalabra, Teatro do Morcego, Balea Branca, o Centro Dramático de Viana do Castelo e Teatro do Atlántico, co que obtivo o Premio María Casares á mellor actriz protagonista pola montaxe A noite das tríbades. Neste momento forma parte do elenco de Tartufo, do Centro Dramático Galego. É membro da comisión organizadora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas desde o nacemento desta, hai trinta e tres anos.

Esta edición do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", que deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ten previsto recalar ao longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero.