Noticias

"Mulleres en acción. Violencia zero" chegou a Cangas coa actuación de Paula Quintas

A bailarina Paula Quintas interpretou ante máis de cen persoas a súa obra ‘Plastic'


11 agosto 2017
Violencia Zero en Cangas

A Presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, e o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela,  asistiu en Cangas a unha nova actuación artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", proxecto impulsado polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e pensado para dar visibilidade á loita contra a violencia machista, así como para dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Unha Praza das Pontes con máis dun centenar de persoas presenciou a actuación de Paula Quintas nunha nova intervención artística do proxecto provincial "Mulleres en Acción. Violencia Zero". A bailarina e alambrista circense Paula Quintas interpretou a súa obra "Plastic", proxecto escénico no que reflexionou sobre as ideas do mundo plástico, a cirurxía, as iconas, a sexualidade e o corpo-imaxe.

Paula Quintas, nada en Ourense, actualmente traballa en España e no estranxeiro como freelance e como artista está relacionada coas compañías TrasPediante (Galicia), Dizzy Ou' Dare (Inglaterra), Voltage Opposites (Galicia) e Cía Projecto C-F Dance (Galicia), onde explora novos códigos corporais dentro dunha combinación de danza, circo e instalación visual e sonora.

Trala actuación, a presidenta da Deputación de Pontevedra, ante unha ateigada Praza das Pontes, mostrouse "emocionada de ver unha praza chea de homes e mulleres berrando pola igualdade."

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, e ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).