Noticias

As obras de calmado do tráfico no cruce das estradas provinciais EP-8403 e EP-8404 en Cuntis comezarán este mércores

Os traballos consisten na instalación dunha ‘zona 30' e sete redutores de velocidade e teñen un orzamento de case 17.000 euros


10 xullo 2017
obrero

As obras de calmado do tráfico no cruce das estradas provinciais nas inmediacións da escola unitaria da Gándara en Cuntis comezarán este mércores. Así o indicou hoxe o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, quen subliñou que se instalarán sete redutores de velocidade e unha ‘zona 30' na intersección entre as estradas EP-8404 entre Piñeiro-Arcos e a EP-8403 entre Cuntis-Alto da Cruz.

O responsable de Mobilidade anunciara a actuación no mes de marzo despois de comprobar in situ que os coches circulaban a moita velocidade pola zona –a pesares das advertencias da existencia dun centro escolar nas inmediacións–. Esta actuación enmárcase dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación que pretende mellorar a seguranza viaria en todas as estradas da rede provincial utilizando elementos físicos de redución da velocidade para obrigar ás e aos condutores a frear de xeito efectivo. As obras foron adxudicadas recentemente á empresa API Movilidad por un total de 16.742, 42 euros, e estarán finalizadas se a climatoloxía o permite, no prazo dun mes.

Segundo indicou o deputado Benítez en numerosas actuacións a filosofía da Deputación de Pontevedra pasa por darlle prioridade ás persoas nas actuacións en materia de infraestruturas, polo que estanse a axilizar obras de mellora en contornos e vías nas que existe un tránsito importante de persoas nas estradas de titularidade da Deputación, xa sexa pola existencia de equipamentos ou por estar situadas en núcleos de poboación.