Noticias

A Deputación inicia a renovación dun treito do firme da estrada provincial entre O Meixoeiro e o CUVI

A actuación de asfaltado, que estará finalizada en mes e medio, completará a mellora da sinalización da EP-2005


16 maio 2017
Firme

A Deputación de Pontevedra iniciará mañá xoves a mellora da capa de rodaxe dun treito da estrada provincial EP-2005. Esta actuación de asfaltado, que ten un orzamento de preto de 60.000 euros, completará a renovación da sinalización horizontal e vertical na vía, que está nestes momentos en fase de instalación.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a rehabilitación do firme acometerase desde a glorieta de inicio da vía e ao longo dun treito de aproximadamente 500 metros, onde o firme está máis deteriorado. A decisión de realizar de xeito inminente as obras decidiuse despois da inspección por parte do persoal técnico provincial, que considerou urxente a actuación atendendo ao volume de tráfico da vía, pola que transitan máis de 5.000 vehículos diarios de media e na que hai deficiencias de visibilidade que impiden unha correcta mobilidade para os peóns e os vehículos que van ao campus.   

Está previsto que os traballos de asfaltado comecen este xoves 18 e teñan unha duración máxima dun mes e medio. Unha vez fresado o actual firme e instalada a nova capa asfáltica completarase a mellora da vía coa correspondente sinalización horizontal e vertical que xa se está a acometer no resto da estrada provincial que da acceso ao campus universitario.

Os traballos de mellora de pintado e sinalización vertical que están a piques de rematar no resto da estrada consistían na substitución dos sinais verticais deteriorados, a instalación de outros novos de reforzo (tanto de seguridade viaria como de localización), e o pintado de bandas transversais continuas sonoras reflectoras nos laterais da estrada.

Estes elementos, xunto aos catafaros reflectores pegados ao asfalto (coñecidos como ollos de gato), permitirán marcar correctamente o trazado da vía e evitar que as condutoras e os condutores se saian da calzada en días de néboa e chuvia intensa, bastante habituais na zona do CUVI. Os traballos de sinalización horizontal e vertical foran adxudicados á empresa API Movilidad por 68.530 euros o pasado mes de decembro e foi preciso agardar ata a chegada do bo tempo para poder iniciar os traballos con garantía de calidade.


Novas relacionadas

Obras na calzada

19 xuño 2017, rehabilitación, mellora, seguranza viaria, seguridad viaria, firme, carretera provincial, estrada provincial, mejora