Noticias

A Deputación iniciou hoxe os traballos de rehabilitación do firme e mellora da seguranza viaria na estrada provincial Vilariño-Hío en Cangas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que os traballos, que teñen un orzamento de preto de 45.000 euros, durarán un mes


19 xuño 2017
Obras na calzada

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar hoxe os traballos de rehabilitación do firme e mellora da seguranza viaria dun treito da estrada provincial EP-1004 entre Vilariño e Hío no concello de Cangas. Segundo indica o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, esta actuación
–que ten un prazo de execución dun mes e foi adxudicada por 44.158,49 euros– encaixa dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0 do Goberno da institución provincial, que aposta por "unha mobilidade sustentable, cun correcto mantemento do viario e o calmado do tráfico como medida para evitar a sinistralidade".

O responsable das infraestruturas viarias da Deputación subliñou que a actuación realízase tendo en conta informes previos do Servizo provincial de Mobilidade e posteriores consultas co Concello de Cangas. A raíz deses traballos o departamento provincial realizou un levantamento taquimétrico da zona, redactou unha memoria de actuación na que se recolle a necesidade de realizar unha rehabilitación estrutural do firme, así como a instalación de dous redutores físicos de velocidade (RFVV) e a colocación de nova sinalización horizontal e vertical para establecer unha limitación de velocidade como ‘zona 30'. Unha vez feito o proxecto, en maio deste ano, procedeuse á contratación da actuación cun orzamento de saída de 59.585,06 euros. A empresa Nexia Infraestruturas foi a adxudicataria, cunha oferta de 44.158,49 euros.

As obras proxectadas iniciáronse hoxe cun fresado de cinco centímetros de profundidade das zonas de pavimento en mal estado, que supón un 80 % da superficie do asfalto, sen contar coa parte do ensanche. Nos vindeiros días continuarase co fresado e posteriormente colocarase unha capa de regularización en todo o largo da estrada. Posteriormente instalarase a sinalización vertical necesaria, os dous RFVV e procederase ao pintado da sinalización horizontal, que se reformulará a partires do bordo da beirarrúa e marcará unha beiravía de 0,50 metros pegada á beirarrúa, así como dous carrís de tres metros.

O proxecto foi redactado tendo en conta a Lei de Accesibilidade e supresión de barreiras Arquitectónicas e a normativa xeral estatal pola que se desenvolven os documentos técnicos de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados.

 

A Deputación de Pontevedra, segundo indicou o deputado de Mobilidade, "está concienciada sobre a necesidade de aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincial, facendo especial fincapé nos tramos que transcorren por espazos urbanos ou núcleos rurais dos distintos concellos", motivo polo que o organismo provincial quere levar a cabo intervencións neste senso no seu propio viario. Así, a institución provincial está a facer una replanificación profunda e conceptual das actuacións en materia de mobilidade para conformar unha rede de estradas provinciais que conten cun contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia de todos os medios de transporte e sistemas de desprazamento.


Novas relacionadas

Obras

19 abril 2017, rehabilitación, cuvi, firme, mejora de la señalización, mellora da sinalización
Firme

16 maio 2017, obras, reparación, cuvi, firme, asfaltado, renovación