Noticias

Uxío Benítez anuncia a mellora da sinalización horizontal de todas as estradas provinciais en Vigo

A actuación na estrada de acceso ao CUVI executarase de xeito inminente


19 nov 2016
Uxío Benítez
uxio benitez

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, vén de anunciar a mellora da sinalización horizontal da totalidade das estradas da Deputación dentro do concello de Vigo. Actuarase nas cinco vías existentes cun orzamento total que rolda os 150.000 euros: a EP-2001 entre o Calvario e A Garrida, a EP-2002 entre Gran Vía e a avenida de Madrid, a EP-2003 entre Coruxo e Canido, a EP-2004 entre Beade e Carneiras e na Ep-2005 entre Meixoeiro e campus da Universidade de Vigo (CUVI). Nesta última vía a actuación será global, renovándose tamén toda a sinalización vertical.

Benítez anunciou estas actuacións baixo a premisa de que a seguranza viaria é unha "preocupación principal" para o novo goberno da Deputación. De feito, a Deputación está a desenvolver un plan global de sinalización horizontal para as estradas de toda a provincia que ascende a 1,7 millóns de euros e que pretende renovar o pintado de toda a rede viaria provincial en lugar de actuar pouco a pouco con actuacións pequenas. "Queremos asegurar a visibilidade nocturna e diúrna e separar os espazos para os vehículos e os peóns para garantir unha convivencia de mobilidades en toda a rede viaria", explicou.

Segundo Benítez o plan porase en marcha logo de meses de traballo, xa que "dende que chegamos ao goberno detectamos un mal estado de conservación que viña de hai tempo e, de feito, no relativo á sinalización horizontal os propios técnicos da Deputación tiñan manifestado que había un déficit histórico que había que solventar".

No caso do Concello de Vigo, o plan global de pintado chegará a catro estradas nas que se renovarán 37,5 quilómetros de sinalización horizontal cun orzamento de 43.511,76 euros. A actuación na estrada do CUVI realizarse de xeito independente, xa que incluirá tamén a mellora da sinalización vertical, chegando o gasto ata os 99.319 euros.

Estradas listas no verán        
O obxectivo do plan de sinalización horizontal é se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas. A actuación prevese comezar tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan e, en calquera caso, na primavera do próximo ano, para que as estradas estean en "estado de revista" ao chegar o verán.

Esta semana xa se sacou a licitación o plan, que se divide en catro lotes territoriais para facilitar o acceso ao contrato a empresas de menor tamaño e tamén poder executar os pintados de forma paralela e, por tanto, máis áxil.

A actuación no concello de Vigo está incluída dentro do lote da comarca de Vigo e de O Morrazo. Na comarca de Vigo, ademais de na cidade renovaranse 31,2 quilómetros de estradas en Nigrán  (cinco vías), 33,8 en Baiona (catro vías), 20,7 en Gondomar (tres vías), 20,4 en O Porriño (dúas vías), 36,9 en Salceda de Caselas (catro vías), 48,1 no Concello de Mos (catro vías), 35,8 en Pazos de Borbén (cinco vías), 15,7 en Fornelos de Montes (tres vías), 47,9 en Redondela (oito vías) e 44,3 en Soutomaior (dúas vías).

Acceso ao CUVI           
A estrada provincial EP-2005 entre Meixoeiro e o CUVI requirirá dunha actuación de maior calado, xa que non só se pintarán as marcas lonxitudinais, senón que tamén se renovará a totalidade da sinalización vertical existente. Prevese que as melloras comecen de xeito inminente, xa que esta semana se coñeceron as propostas económicas das 13 empresas que resultaron admitidas para facer o traballo.

A actuación permitirá mellorar a seguranza viaria e a mobilidade dos máis de 5.000 vehículos diarios que, de media, circulan por esa estrada, cifra que aumenta considerablemente nos días laborables debido a que é o principal acceso ás diferentes facultades do campus.

A Universidade de Vigo tiña trasladado á Deputación provincial a súa solicitude para realizar melloras na vía debido ao mal estado da sinalización e aos problemas de visibilidade que hai polas noites e cando aparece a néboa, moi habitual na zona durante o inverno.  O proxecto, que se prevé estea executado en dous meses logo da súa adxudicación e do levantamento da acta de replantexamento dos traballos, consistirá na substitución dos sinais verticais deteriorados e a instalación doutros novos de reforzo (tanto de seguranza viaria como de localización), así como no pintado de bandas transversais continuas sonoras reflectantes nos laterais da estrada.  Estes elementos, xunto aos catafaros reflectantes pegados ao asfalto (coñecidos como 'ollos de gato'), permitirán marcar correctamente o trazado da vía e evitar que os condutores se saian da calzada.

Por outra banda, tamén está previsto cambiar as barreiras de seguridade laterais acoplándolles proteccións para motoristas (banda dupla) coa finalidade de mellorar a seguranza viaria nas zonas de desniveis e de curvas.

O deputado de Mobilidade lembra que a seguranza viaria e o mantemento das estradas provinciais está a ser un dos eixos do traballo prioritarios do departamento de Mobilidade da Deputación no presente mandato. 


Novas relacionadas

Sinalización horizontal

07 xuño 2017, estradas, marín, illa de arousa, crecente, señalización, sinalización, mejora de la señalización, mellora da sinalización, morrazo, pintado de estradas
Firme

16 maio 2017, obras, reparación, cuvi, firme, asfaltado, renovación