Noticias

A Deputación mellorará de xeito integral o firme da estrada provincial de Xeve-Amil-Espedregueira

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que esta actuación de mantemento, que precisará de cortes de tráfico os vindeiros luns e martes, é imprescindible e urxente dadas as deficiencias actuais


09 decembro 2017
Carretera

A Deputación de Pontevedra iniciará este luns as obras de mellora integral do firme na estrada EP-0018 entre Xeve-Amil-Espedregueira ao seu paso por Santa María de Xeve. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez esta actuación de mantemento é imprescindible e urxente para garantir unha axeitada seguranza viaria dadas as deficiencias da actual capa de rodaxe.

A actuación no firme terá un ámbito de actuación duns tres quilómetros da estrada (entre o punto quilométrico 1+000 e 3+800), coa instalación de pavimento antiesvaradío e a correspondente marca viaria de sinalización horizontal. Segundo informaron os técnicos provinciais será preciso o corte puntual da vía, garantindo o acceso ás persoas residentes. Prevese que os traballos se poidan finalizar entre o luns e o martes, sempre que as condicións climatolóxicas o permitan.

A actuación de rehabilitación do firme continúa ao calmado de tráfico na estrada ao abeiro do Plan MÓVESE, co que se colocaron 16 elementos redutores de velocidade de vehículos solicitados pola veciñanza da zona para evitar accidentes por exceso de velocidade. Así mesmo, na estrada tamén se realizou neste ano a eliminación dun estreitamento da calzada desde o punto quilométrico 2+550 nun treito de 160 metros de lonxitude coa finalidade de ampliar a sección para poder cruzar dous vehículos (o que era especialmente perigoso cos autobuses escolares e camións que a diario utilizan a vía). Para esta actuación (de 44.517,89 euros de orzamento) oito dos propietarios afectados tiveron a ben ceder parte dos seus terreos, se ben foi preciso realizar un expediente de expropiación para a última parcela.

A mellora da estrada provincial EP-0018 continuará en vindeiras datas. Segundo manifestou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, estase a traballar coa veciñanza a través do Concello de Pontevedra para converter determinadas zonas da vía en treitos urbanos, sobre todo na contorna da igrexa, o restaurante e outros equipamentos, onde incluso se baralla a posibilidade de crear áreas de preferencia peonil. Mentres tanto, continúan os labores básicos de mantemento para garantir a seguranza viaria.


Novas relacionadas

Obras

19 abril 2017, rehabilitación, cuvi, firme, mejora de la señalización, mellora da sinalización
Firme

16 maio 2017, obras, reparación, cuvi, firme, asfaltado, renovación