Noticias

Iníciase a mellora da sinalización da estrada ao Cuvi

A mesa de Contratación propuxo a adxudicación dos traballos á empresa API Movilidad por 68.530 euros


07 dic 2016
obras

A Deputación de Pontevedra iniciará nos vindeiros días a mellora da sinalización horizontal e vertical da estrada provincial que dá acceso ao CUVI no Concello de Vigo para solucionar os problemas de seguranza viaria que presentaba. Segundo asegurou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez a actuación é "urxente e necesaria", xa que pola vía transitan máis de 5.000 vehículos diarios de media e hai deficiencias de visibilidade que impiden unha correcta mobilidade para os peóns e os vehículos que van ao campus.

Na mañá de hoxe a mesa de Contratación da Deputación realizou a proposta de adxudicación á empresa ‘API Movilidad', que presentou unha oferta de 68.530 euros (a mellor das 13 presentadas). Grazas á actuación, a estrada provincial EP-2005 entre Meixoeiro e o CUVI, verá substituídos os sinais verticais deteriorados. Instalaranse outros novos de reforzo (tanto de seguranza viaria como de localización), e pintaranse bandas transversais continuas sonoras reflectantes nos laterais da estrada.  Estes elementos, xunto aos catafaros reflectantes pegados ao asfalto (coñecidos como 'ollos de gato'), permitirán marcar correctamente o trazado da vía e evitar que os condutores se saian da calzada en días de néboa e chuvia intensa, bastante habituais na zona do CUVI.

Por outra banda, tamén está previsto cambiar as barreiras de seguridade laterais acoplándolles proteccións para motoristas (banda dupla) coa finalidade de mellorar a seguranza viaria nas zonas de desniveis e de curvas.

O deputado de Mobilidade lembra que a seguranza viaria e o mantemento das estradas provinciais está a ser un dos eixos do traballo prioritarios do departamento de Mobilidade da Deputación no presente mandato. De feito, para a área de Vigo, Benítez vén de anunciar recentemente a mellora da sinalización horizontal da totalidade das estradas da Deputación no concello de Vigo cun orzamento total que rolda os 45.000 euros. Serán melloradas a EP-2001 entre o Calvario e A Garrida, a EP-2002 entre Gran Vía e a avenida de Madrid, a EP-2003 entre Coruxo e Canido e a EP-2004 entre Beade e Carneiras dentro dun plan provincial global que ascende a 1,7 millóns de euros. O obxectivo do plan de sinalización horizontal é se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

No que respecta á mellora da sinalización da estrada de acceso ao CUVI, a actuación ten un prazo de execución de dous meses logo de realizar o replantexamento da obra. Dado que a contratación formalizarase en Xunta de Goberno a este mes, a sinalización estará instalada, se as condicións climatolóxicas o permiten, no mes de febreiro.


Novas relacionadas

Obras

19 abril 2017, rehabilitación, cuvi, firme, mejora de la señalización, mellora da sinalización