Noticias

A Deputación de Pontevedra destina máis de 50.000 euros á Estrada no marco do Plan Concellos 2017

A institución provincial leva entregado o 67 % do total destinado á Estrada dentro do plan, cun investimento situado en máis dun millón de euros


31 maio 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello da Estrada no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 51.655,52 euros para a pavimentación de diversas vías urbanas.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara á Estrada outros 565.453,92 euros, tamén na liña 1 de Investimentos, con destino tamén á pavimentación de vías do concello. Ademais, outros 174.500 euros en liña 2 para o pagamento de gastos correntes e a realización de diversas actividades como as escolas deportivas municipais, o "Outono no Principal", a Festa do Salmón, a Cabalgata de Reis, o campus deportivo de verán ou circuítos de carreiras, entre moitas outras. Finalmente, 306.439,38 euros cos que A Estrada puido contratar a 30 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, A Estrada xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 66,9 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 1.046.393,30 euros dun total de máis de millón e medio de euros.