Noticias

O goberno de Carmela Silva aproba novos investimentos por valor de preto de 65.000 euros para a estrada ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 75,8% do total do plan destinado ao concello este ano


30 xullo 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento para  A Estrada ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017". Cun importe total situado en 64.432,50 euros, o concello poderá adquirir novos soportes para colectores de residuos sólidos urbanos.

Con estas novas aprobacións, sinalou a Presidenta provincial Carmela Silva, "ata o momento xa se aprobaron preto de 1.200.000 euros para A Estrada ao abeiro do Plan Concellos 2017", un investimento total de 1.185.981,32 euros, que supón que "a porcentaxe total adxudicada ata hoxe se sitúa no 75,8%". Este ano, A Estrada recibe un total de máis de 1.564.821,33 euros no marco das achegas do "Plan Concellos 2017".

Ata o momento, A Estrada xa recibira a cantidade de 617.109,44 euros para levar a cabo a pavimentación de vías urbanas municipais. Á marxe da liña 1, aprobáronse tamén outros 198.000 euros da liña 2 para actividades como a festa cabalar de Pascua e San Martiño, as escolas deportivas municipais, os torneos deportivos das festas de San Paio, as marchas cicloturistas da Rapa das Bestas e do Salmón, a festa da bicicleta, o programa "Outono no Principal", o ciclo "Ruralizarte", a festa do Salmón, o conservatorio profesional de música, a celebración do "Año ao espeto", o VIII Campus Deportivo de Verán, circuítos de carreiras e a Cabalgata de Reis. Finalmente, A Estrada tamén recibiu 306.439,38 euros da liña 3 do "Plan Concellos 2017" para a contratación de 30 persoas para poder garantir a prestación dos distintos servizos municipais desta vila.

O goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para A Estrada, leva xa distribuídos preto de 31,3 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 76% do Plan Concellos. Máis polo miúdo, 19,4 millóns de euros correspóndense coa liña 1, de investimentos, 3,4 millóns de euros coa liña 2, gastos correntes e actividades e, finalmente, outros 8,5 millóns de euros coa liña 3 de emprego.