Noticias

Mondariz recibe 60.000 euros do "Plan Concellos" para actuar na escola de Redo de Vilar e no centro social

A institución provincial xa entregou o 69% do total destinado a Mondariz dentro do Plan, cun investimento aprobado de preto de 350.000 €


24 xullo 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas axudas ao concello de Mondariz no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos, e que suman un total de 58.029,43 euros. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 46.965,03 €, en primeiro lugar, para o financiamento das obras de reparación na Escola de Redo de Vilar e, por último, outra achega de 11.064,40 euros para instalar unha cámara negra no auditorio do Centro Social de Mondariz.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Mondariz 160.676,46 euros na liña 1 para o financiamento da pavimentación de camiños e mellora de accesibilidade e de seguridade viaria en varias rúas, da pavimentación de camiños nas parroquias de Gargamala e Sabaxáns, da mellora do camiño Casares, do deseño e instalación dun quiosco de madeira na contorna da praia fluvial de Ceo, da adquisición dun entarimado para o palco municipal e da adquisición dun equipamento informático composto por catro torres con catro monitores e, ademais, unha impresora multifunción. Por outra banda, 16.810,78 € en liña 2 para actividades como a Feira do pan, a II Festa Gastronómica da Carne Arreghlada, Primavera e Son ou o cine de verán na rúa e, finalmente, outros 113.116,61 € para a contratación de 17 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Mondariz xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 69,3% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 348.633,28 euros dun total situado por enriba dos 500.000 €. Este ano Mondariz recibiu, ademais, un 8,5% máis do que percibiu a través do "Plan Concellos 2016".