Noticias

A Deputación alcanza o cumprimento ao 100% da Axenda 2030 e, con esta "carta de presentación", optará ao reparto dos 140.000 millóns europeos xestionados polo Goberno de España

Carlos López Font: "Os ODS impregnan toda a acción política desta institución, a Axenda 2030 da ONU é a Axenda 2020 da Deputación"


20 agosto 2020

A Deputación de Pontevedra acadou un grao de cumprimento do 100% na Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. Unha análise interna constatou que existen programas e actuacións provinciais que impactan en todos e cada un dos 17 ODS, tanto con fondos propios como europeos. O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, destacou que se en 2019 estimouse un cumprimento do 91%, "nun ano avanzamos o escaso treito que faltaba". Font, que compareceu en rolda de prensa, anunciou que "este traballo feito é a mellor carta de presentación para optar ao reparto dos 140 millóns que o Goberno de España conseguiu no último Consello Europeo e que se distribuirán en función dos proxectos que se presenten con aliñamento ao investimento verde e dixital" .

"A Axenda 2030 da ONU xa é a Axenda 2020 da Deputación; o planeta non pode agardar e este goberno tampouco". O deputado lembrou  que os 17 obxectivos de desenvolvemento sostible impregnan toda a acción política da Deputación de Pontevedra. De feito, sinalou, "o orzamento provincial está estruturado en cinco grandes bloques nos que os ODS encaixan á perfección": Sustentabilidade e Transición Ecolóxica; Economía, Innovación e Fomento do Emprego; Avance Sociocultural e Deportivo; Igualdade; e Economía, Facenda e Asistencia Técnica e Económica aos concellos. López Font explicou que a aposta política polos ODS "é o mesmo que o compromiso da Deputación e da súa presidenta, Carmela Silva, por modernizar a Administración e convertela en axente colaborador dun futuro sostible e un mundo a medida do ser humano". Ademais, o deputado puxo en valor que "a vocación deste goberno coa Axenda 2030 "tira" tamén dos concellos da provincia que ven como o seu aliñamento mellora gracias aos programas que financia esta Deputación no territorio".

Para dar cumprimento aos ODS, o goberno provincial utiliza unha dobre vía, os fondos propios e os fondos europeos. Font  destacou a importancia de programas propios como o Plan Revitaliza de compostaxe de residuos orgánicos, no que a Deputación é referencia. En canto aos proxectos europeos detallou que agora mesmo estanse mobilizando 41,2 millóns de euros en 40 proxectos en colaboración con 234 entidades públicas e privadas de toda Europa. En paralelo estase a traballar para sumar outros 16 proxectos valorados en 11,2 millóns. "Temos o récord en captación de fondos europeos, cousa que non é fácil, e a nosa vocación é seguir apostando por captar máis programas", enxalzou o deputado.

Proxectos europeos

López Font, que destacou o rigor que esixe a presentación de proxectos europeos, agrupou as case 60 iniciativas en marcha ou en tramitación e  grandes áreas en relación coas necesidades da provincia: formación e inserción laboral, desenvolvemento económico, turismo sustentable, loita contra a desigualdade e a pobreza, apoio ao medio ambiente, fixación da poboación no rural e desenvolvemento empresarial".  En canto a formación/inserción laboral e desenvolvemento empresarial atopamos programas como Millenials, Labora 2020, DepoEmprende, Proxecto IN 4.0 ou a colaboración Galicia-Portugal con Visit Rio Minho ou Rede Lab Minho. No marco de turismo, a Deputación leva a cabo Tourist Inside, Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular ou Life Rías Baixas. Na área de medio ambiente, proxectos como ESTRAEE e os de aforro enerxético financiados polo IDAE son unha referencia. No que respecta a asentamento de poboación no rural, o goberno de Carmela Silva pon en marcha Tic Emprendes, Protura ou Depofroitos. E, por último, en materia de incendios forestais, a institución provincial desenvolve Interlumes un proxecto con sustantividade propia, en colaboración coa Xunta, outras deputacións galegas e outras comunidades autónomas, para combater os lumes en todo o Noroeste da Península.

ODS

O deputado Carlos Font tamén detallou o impacto global do goberno provincial en cada un dos 17 ODS e lembrou a posta en marcha dunha páxina web (https://axenda2030.depo.gal/) dedicada ao cumprimento dos mesmos que será enriquecida coa introdución dos novos proxectos aliñados nos diferentes eixos. "O grao de cumprimento é total porque atopamos programas que encaixan con todas e cada unha das metas nas que a Deputación ten marxe de manobra para actuar".

No primeiro dos eixos, a fin da pobreza, destaca o fondo extraordinario Covid-19, de case 1,3 millóns, repartido entre os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes, e tamén as axudas de emerxencia para persoas vulnerables ou convenios como o de UNICEF. No de fame cero, a Deputación actúa co Centro Príncipe Felipe (centro de menores e escola-fogar), con subvencións a ONG ou co financiamento dos Servizos Sociais dos concellos. No terceiro, saúde e benestar, encaixan programas como DepoAndainas, DepoRutas BTT ou Bosques Terapéuticos. O cuarto obxectivo, educación de calidade, encadra a xestión da Escola de Cantería ou Escola de Enfermería e iniciativas como DepoEmprende ou Labora 2020. O quinto ODS é a igualdade de xénero, e xestiónase a través do servizo de Igualdade, que este ano ten un orzamento de 1,34 millóns, poñemos en marcha a Escola María Vinyals, Violencia Zero ou Conectadas. O obxectivo 6, de auga limpa e saneamento, cumprímolo con centos de obras no marco do Plan Concellos, o Plan DepoRemse ou o Plan de Reequilibrio. O ODS 7 é o de enerxía accesible e non contaminante, no que a través dos fondos FEDER melloramos as redes de iluminación e substituímos caldeiras de gasóleo por biomasa. En canto ao obxectivo 8, traballo decente e crecemento económico, a Deputación leva a cabo O teu primeiro emprego, Smartpeme ou o Plan Estratéxico de Turismo. No obxectivo 9, de industria, innovación e infraestrutura, actuamos impulsando grandes obras nos concellos e coa investigación na Estación Fitopatolóxica do Areeiro ou a Finca Mouriscade. No ODS 10, o da redución das desigualdades, a Deputación chega con iniciativas como o Servizo de Axuda no Fogar, o programa de ensino de español para migrantes, Tecendo Lazos ou Sorrisos Transformadores. O obxectivo 11, cidades e comunidades sustentables, contempla o impulso das Vías Verdes, o Plan Móvese e o Proxecto Revitaliza. O obxectivo 12, produción e consumo responsable, involucra a proxectos como Agritox, Empregaverde ou Voando nas Rías Baixas. En canto ao eixo 13, acción polo clima, levamos a cabo a mellora da eficiencia enerxética nos concellos, a Semana Mundial de Acción polo Clima e convenios con Asefoga ou Fegama. No que corresponde á vida submarina, o ODS 14, están aliñados proxectos como O Mar das Mulleres ou Depomar. No eixo 15 de vida e ecosistemas terrestres, destaca que o 30% da superficie forestal dos concellos de ata 20.000 habitantes conta con subvencións. O obxectivo 16 de paz, xustiza e institucións sólidas, acadámolo con campañas contra a violencia de xénero e o apoio constante aos concellos. O último dos obxectivos, o 17, é o de alianzas para acadar os obxectivos, neste eido a Deputación participa con 234 entidades públicas e privadas de toda Europa en distintos proxectos.

Fotos