Noticias

A Deputación pon en valor o papel das mulleres mariscadoras na protección da Rede Natura 2000 na xornada técnica que pecha o proxecto "Depomar"

No encontro celebrado no Pazo Provincial participaron unha decena de relatoras do ámbito docente, científico e asociativo que enxalzaron a aportación feminina á conservación do medio e falaron das necesidades e retos de futuro do sector


28 outubro 2021
Xornada técnica Depomar

A reivindicación do papel esencial do traballo das mulleres mariscadoras na protección das contornas da Rede Natura 2000 marcou hoxe a xornada técnica coa que a Deputación de Pontevedra puxo o peche ás accións de sensibilización do programa DepoMar, que desenvolveu en colaboración coa Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico co fin de visibilizar e enxalzar á contribución das mulleres deste sector. Ao longo da xornada, celebrada no Salón de Plenos do Pazo Provincial e coa presencia dun cento de asistentes do sector, interviñeron tanto en directo ou por streaming unha decena de relatoras, procedentes do ámbito científico, asociativo, docente e do propio sector marisqueiro, que abordaron desde as súas diferentes perspectivas a fundamental aportación feminina destas traballadoras á conservación do medio, así como as súas actuais dificultades e os retos de futuro. No transcurso da xornada, proxectouse o audiovisual elaborado no marco do proxecto, que ten como protagonistas a mulleres empoderadas do mar.

A deputada de Medio Ambiente, Iria Lamas, subliñou que esta xornada é un recoñecemento a esa labor "e ao esforzo que tedes feito no sector do mar" e puxo en valor o "duro traballo" que sempre teñen desenvolvido as mariscadoras, sen a valoración e a visibilidade merecidas. Por outra banda, insistiu na necesidade de seguir a traballar para reforzar esa visibilidade na protección da biodiversidade e avanzar na loita contra o "teito de cristal" que tamén acusan as mulleres do sector e, neste senso, apuntou que nas 63 confrarías galegas tan só 6 mulleres son patroas maiores e 16 son vicepatroas, mentres que a porcentaxe de mulleres en órganos directivos é do 23%. Pola súa banda, Javier Remiro, coordinador da Área de Economía e Emprego Azul da Fundación Biodiversidade, que felicitou á Deputación polo proxecto DepoMar, avanzou a posibilidade de reforzar esta iniciativa no próximo período de programación. "Este programa conxuga tres aspectos –explicou-. En primeiro lugar, mellorar a sensibilización sobre a importancia de protexer o patrimonio natural e a biodiversidade. En segundo, seguir a visibilizar esta actividade milenaria no noso país e en Galicia, e facelo con estas mulleres pegadas ao territorio, que loitan cada día por levar o sustento ás súas familias e, en terceiro lugar, seguir a apostar pola participación e o liderado feminino. Son poucos os exemplos de programas como este en Pleamar e gustaríanos reforzalo".

O representante da Fundación afondou nos retos que están agora sobre a mesa para o futuro próximo: "impulsar a transición ecolóxica, loitar polo reto demográfico e impulsar a recuperación económica en clave verde, social e de igualdade" e deste xeito destacou o compromiso que suporán os fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia para acadar estes obxectivos. "Gustaríanos que nos axudásedes nestes retos –apuntou-. Temos que seguir impulsando a igualdade, loitar contra o declive demográfico e reforzar todos os aspectos que teñen que  ver con el aproveitamento de zonas como as dedicadas ao marisqueo, que son zonas de proxección enorme de desenvolvemento social e económico para o futuro".

A necesidade de reforzar o prestixio da profesión e a representatividade das mulleres nas agrupacións de mariscadoras foi un dos temas de debate na mesa redonda sobre  "Mulleres, gobernanza e xestión dos recursos". Rita Míguez, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca e Sandra Amezaga, secretaria da Asociación Mulleres Salgadas, fixeron fincapé nas trabas que seguen a ter as mulleres para acceder a postos de responsabilidade, derivadas da carga que lles supoñen os coidados ou as labores extra ao marxe do marisqueo, como a vixilancia ou a limpeza dos bancos, que recaen nelas, ou mesmo polo feito de non considerarse aptas. "O mar entrounos polas veas e defendémolo a morte –sinalou Míguez-. Reivindicamos que nos dean a oportunidade ás mulleres. Temos, máis que un teito de cristal, un teito de cemento que nos poñemos". Ambas reclamaron maior apoio da administración, tanto no eido da formación para desenvolver labores directivas como para axudar nas tramitacións burocráticas, como a través de organismos como un Observatorio do Sector Pesqueiro que Amezaga subliñou que o seu colectivo xa solicitou á Xunta "pero dixeron que non fai falta". "Temos que ter conciencia de nós mesmas –engadiu-, da situación na que estamos, das nosas debilidades e fortalezas, e ter unha actitude máis proactiva coa administración". "Teríamos que ser Patrimonio Nacional polo labor que nos precede", remachou Míguez.

 Begoña Marugán, doutora en Socioloxía, puxo o foco na escasa valoración da profesión: "Hai un problema fundamental no mundo e é que non se valoran os sectores que nos están dando de comer –subliñou-. E vos sodes un deses sectores. O traballo no mar, nas praias, na agricultura, está devalado. E cando lle sumamos que é unha profesión tipicamente feminina, valórase menos. Non se cambia nada se non se intervén na dirección correcta. As cousas cambian por esforzo e agrupamento colectivo, e sodes o exemplo". Patricia Martínez, doutora en Ciencias Políticas, tamén falou da importancia de sumar máis mulleres aos postos de dirección. "Nas confrarías en que hai mulleres, nótase a súa influencia –explicou- e acaban impregnando a organización. Hai que facer o esforzo para que moitas máis mulleres se incorporen e para logralo, hai que alixeirar a carga de traballo e todas as tarefas gratuítas que fan". Mostrouse tamén partidaria de que as mariscadoras "creen alianzas con outras mulleres, como as da agricultura, que levan traballando tamén sen recoñecemento e vense ameazadas polo sistema patriarcal e capitalista que está a destruír esa forma de vida. É interesante crear alianzas que están a vivir os mesmos condicionantes".

Por outra banda, Mari Lires, profesora de Didáctica da Universidade de Vigo, abordou a creación de sinerxías entre entes científicos e as agrupacións de mariscadoras. Tras subliñar o papel destas traballadoras para lograr o seu recoñecemento, "porque foron elas as artífices do seu empoderamento", a docente amosou como a comunidade científica está a aproveitar o seu coñecemento para abordar investigacións,  "porque o coñecemento ten que partir da realidade e a realidade a coñece quen traballa aí". Neste senso, repasou os proxectos que a Universidade de Vigo ten desenvolvido coa Deputación, como "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar", "O Mar das Mulleres, sustentable e produtivo" ou a "Maleta dos Océanos", que deron visibilidade á aportación feminina neste eido e na sostibilidade. E avanzou que o vindeiro será "Precursoras da Sustentabilidade e da Axenda 2030", que compila biografías de mulleres pioneiras para a posterior elaboración dunha aplicación web.

Amais destas relatoras, participaron tamén ao longo da xornada técnica María Caldeiro, xerente de Fundamar; Montserrat Pérez Rodríguez, investigadora do CSIC; e Nuria Novelle, presidenta de Amartumar, que interviñeron no segundo bloque temático dedicado ás "Mulleres, a forza que a Rede Natura precisa".

A Deputación desenvolveu o Proxecto DepoMar en colaboración coa Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. As outras accións levadas a cabo para enxalzar e visibilizar o traballo das mariscadoras na protección das contornas da rede Natura son un código de boas prácticas e o citado audiovisual. Por outra banda, impulsouse no verán unha campaña informativa que percorreu os concellos costeiros de Vigo, A Guarda, Cangas, Baiona, Redondela, Poio, Cambados e O Grove.

Fotos

Vídeos