Noticias

Xosé Leal: "coa exposición ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista' recuperamos a memoria acoitelada polo fascismo"

A mostra organizada pola Deputación, que fala da vida de 30 mulleres represaliadas do Deza-Tabeirós, estará aberta na Casa do Concello de Silleda ata o 30 de xullo


12 xullo 2017
Exposición Rexas. Mulleres baixo o terror franquista

"O que facemos con exposicións como ‘Rexas. Mulleres baixo o terror franquista' é recuperar a memoria acoitelada polo fascismo". Esas foron as palabras coas que o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, inaugurou hoxe en Silleda a mostra organizada pola Deputación para reparar ás vítimas do Alzamento do 1936, que recolle unha escolma das historias de 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.

Leal indicou que o feito de recuperar as historias das mulleres represaliadas é un acto de xustiza para o colectivo habitualmente menos lembrado, as mulleres, que ademais de sufrir a represión nas súas carnes tamén tiveron que sufrir o silencio cómplice de autoridades e veciñanza que non compartiron a dor da familia e non permitiron a súa exteriorización. "Só iso fai que esta exposición sexa un dos fitos do Goberno máis importantes que levaremos pola provincia adiante", subliñou.

O deputado recoñeceu e louvou o traballo das asociacións por recoller os acontecementos históricos e contribuír á mostra, agradeceu aos familiares das vítimas que manteñan viva a memoria, e salientou o interese mostrado polos concellos na iniciativa da Deputación. Así mesmo, tamén instou ás institucións a seguir apostando por dignificar ás vítimas "xa que a memoria non ten fin e non hai que esquecer para que non volva a acontecer".

Na presentación da mostra tamén estivo presente unha das protagonistas, Matilde, e a súa neta, Isabel Losada Diéguez. Esta lembrou as conversas coa súa avoa sobre os paseos, o galeguismo, a República ou o Alzamento, sempre con voz contida porque "así foi sempre a historia das mulleres, unha historia de conversas en voz baixa".

Losada relatou que no Alzamento do 36 a súa familia sufriu unha importante persecución: Antón Alonso Ríos especialmente (deputado na República e presidente do consello de Galiza no exilio), pero tamén de Segundo, Arceo e Evangelina. "Os tres sobreviviron ao conflito… e os tres foron axudados por Matilde", asegurou.

"Aloxou na súa casa de Vilagarcía á familia de Antón ata que puido fuxir e, a el, envioulle a Portugal os cartos que necesitaba. A intermediaria foi outra das mulleres que tamén lembramos hoxe, Isaura. A Segundo, marido de Elisa (súa irmá) e preso na illa de San Simón, leváballe as cartas da súa dona, a roupa e comida que lle permitían pasar. Collía o tren ata Arcade e de madrugada cruzaba na barca de Cesantes para velo. Cando Evangelina estivo presa no cárcere Normal de Pontevedra, onde cada noite sacaban xente para paseala, onde cada noite temía escoitar o seu nome, as condicións de vida dos presos eran infames, ao fin… que máis daba? O frío, que entraba polas fiestras rotas enfermábaos e as instalacións hixiénicas reducíanse a un cubo compartido. Matilde acudiu ao gobernador Landín e, co seu permiso, colocou os cristais nas fiestras", narrou.

"Estes son os meus recordos, tamén poderían ser os de calquera dos meus irmáns, ou dos netos de todas estas mulleres; todos temos na memoria a aquela avoa que nos contou tantos contos e nos transmitiu tanto amor. Sempre en voz baixa…", finalizou.

78 imaxes de mulleres

A comisaria da exposición, Montse Fajardo, pola súa banda, explicou que a exposición conta as historias de 172 mulleres (30 delas da comarca do Deza-Tabeirós), algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. "Somos conscientes de que moitas non aparecen, moitas quedaron no camiño, pero esta é unha homenaxe a todas as mulleres que sufriron a ditadura", sinalou.

A mostra, segundo dixo, está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como desde o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas "por varón, igrexa ou a sección feminina".

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a comisaria explicou que a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria. "O seu legado é a nosa mellor herdanza. Temos que agradecer aos familiares que comparten con nós as súas historias", insistiu Fajardo, que foi moi crítica coas institucións que "reman en contra" da loita contra o esquecemento, como ocorre co Goberno da Xunta e o Central que non teñen políticas públicas activas de memoria histórica.

Finalmente, a concelleira de Cultura de Silleda, Ana Luísa González, indicou que as historias recollidas na exposición ‘Rexas' son de historias de todas as mulleres en xeral. "Estes relatos puideron pasarlle a calquera, e son como os que me contaba miña avoa Josefa", asegurou.

Pola súa parte, o concelleiro Matías Rodríguez da Torre subliñou, en nome da asociación da Comisión pola Memoria Siñor Afranio, e dos investigadores do Norte da provincia, "por ter pensado no Deza para traer unha exposición para ter memoria das auténticas silenciadas durante os últimos 81 anos, que son as mulleres"

A exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" estará do 12 ao 30 de xullo na Casa do Concello de Silleda; do 3 ao 30 de agosto na Área Panorámica de Tui; do 1 ao 30 de setembro no Museo Municipal Manuel Torres de Marín; do 13 de outubro ao 7 de novembro no Auditorio Municipal de Nigrán; e do 10 de novembro ao 10 de decembro no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra.

Fotos