Noticias

A Deputación inaugura hoxe en Silleda a exposición "Rexas, Mulleres baixo o terror franquista"

A mostra, organizada polo Departamento de Cultura que dirixe Xosé Leal, aborda a represión sufrida por 172 pontevedresas entre as que están 30 mulleres do Deza-Tabeirós


10 xullo 2017
Rexas

A Deputación de Pontevedra inaugurará mañá mércores en Silleda a exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" para reivindicar a memoria das vítimas do alzamento de 1936. A mostra é unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas, entre as que se atopan 30 mulleres do Deza Tabeirós que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.

Esta exposición, organizada desde o Departamento de Cultura que dirixe o nacionalista Xosé Leal, pretende manter no primeiro plano o traballo do novo Goberno provincial sobre a recuperación e reivindicación da memoria das represaliadas e represaliados. A mostra está disposta en 12 paneis con 78 fotografías e está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, o segundo para as diferentes tipoloxías de represión e unha terceira e última parte dedicada a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como ao seu protagonismo na transmisión da memoria.

Na inauguración da exposición en Silleda, que se realizará mañá mércores ás 11 horas, estarán presentes, ademais do deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal, membros do goberno local e Isabel Losada Campa, familiar dunha das mulleres protagonistas da exposición (Matilde, irmá de Antón Alonso Ríos, deputado na República e presidente do consello de Galiza no exilio), e contará como era a vida da represión desde o punto de vista das mulleres.

A exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" estará do 12 ao 30 de xullo na Casa do Concello de Silleda; do 3 ao 30 de agosto na Área Panorámica de Tui; do 1 ao 30 de setembro no Museo Municipal Manuel Torres de Marín; do 13 de outubro ao 7 de novembro no Auditorio Municipal de Nigrán; e do 10 de novembro ao 10 de decembro no Pazo provincial da Deputación en Pontevedra.