Noticias

Vilagarcía gaña un novo espazo para a xente coa transformación da rúa Camilo José Cela, financiada co Plan Concellos

Carmela Silva: "Vilagarcía está a facer unha aposta moi potente polo cambio de modelo que nos converte en referencia, cunha transformación baseada na creación de tramas urbanas onde as persoas son o primeiro"


11 novembro 2021

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra fixo posible un novo paso cara á modernización e transformación do casco urbano de Vilagarcía de Arousa. A inauguración hoxe das obras da remodelada rúa Camilo José Cela, coa presenza da presidenta provincial Carmela Silva e do alcalde Alberto Varela, supón unha das grandes actuacións englobadas no ambicioso proxecto municipal para a reforma do barrio do Piñeiriño. O solado decorado como mosaico, os bancos e elementos de formas xeométricas e a diversa e exótica vexetación a distintas alturas marcan a imaxe do novo espazo gañado para a veciñanza da capital arousán, uns traballos de recuperación financiados a través dunha achega de 230.000 euros do Plan Concellos. No acto de apertura participaron tamén o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, así como representantes da asociación veciñal do barrio, que preside Loli García.

O proxecto desenvolvido e co que se peonalizaron os dous tramos centrais da rúa, como subliñou a presidenta Carmela Silva, amosa a esencia do modelo de mobilidade amable e sostible e a recuperación do espazo público para as persoas promovida desde a Deputación e compartida co Goberno de Vilagarcía coa que se está a transformar a provincia. "Un modelo baseado na construción de vilas, pobos e cidades amables, creando tramas urbanas onde as persoas son o primeiro e pensando en que sexan ocupadas por maiores, nenas e nenos, e persoas que teñen dificultades de mobilidade, en definitiva, para crear vida". Puxo o barrio do Piñeiriño, onde vive moita xente nova e familias, como exemplo dos "espazos de vida" que se están a transformar, e destacou o deseño do arquitecto Mariano Vázquez nesta actuación, con elementos como as colmeas "para que as crianzas poidan relacionarse, practicar deporte e crear".

 "Nos anos 70 e 80 construíronse as infraestruturas viarias para os vehículos, e con iso expulsouse á xente –lembrou Carmela Silva-. Hoxe estamos a mudar isto e Vilagarcía está a facer unha aposta moi potente por este cambio de modelo". Neste senso, a presidenta afondou en que a provincia xa é un referente "e leva dianteira" a Galicia e ao resto do Estado nas grandes transformacións en mobilidade, medio ambiente, igualdade, deporte o cultura baseadas nunha forma diferente de entender "como hai que construír o mundo" e que permiten amais xerar actividade económica e crear emprego, co desenvolvemento do comercio de proximidade ou a hostalaría.

Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela, agradeceu á presidenta e á "nova Deputación" ser "o principal aliado" do Concello nos últimos anos en materia de investimentos. "Se non fora polas facilidades dadas, as mans que houbéramos tido para facer grandes cousas houberan sido moi escasiñas –apuntou-. Todos os concellos temos a sorte de ter unha presidenta e unha dirección provincial que entende que os concellos temos que ser os protagonistas e téñense que dotar de recursos para facer actuacións coma esta, centradas en que a veciñanza sexa a protagonista". Neste senso, agradeceu tamén o respaldo ofrecido pola Asociación de Veciños e Veciñas do barrio, no que viven 2.500 persoas, e destacou que os proxectos de humanización promovidos polo Concello "non podían quedarse no centro, senón que era necesario levalos a cabo neste barrio", antes coñecido como As Pistas "porque todo eran estradas que rodeaban aos edificios", e agora "pode presumir e gozar desta nova praza pública que non sei se é máis bonita de día ou de noite".

"Más investimentos que nunca no 2022. É histórico"

Carmela Silva avanzou que Vilagarcía poderá seguir axilizando este cambio coa dotación de recursos "como nunca" coa que contará o ano que vén por parte da Deputación. Deste xeito, anunciou que o Plan Concellos 2022-2023 suporá un orzamento de 2,3 millóns de euros para o municipio, dos que poderá dispoñer xa o ano que vén, da totalidade da asignación correspondente ao 2022 e a da Liña 1 de 2023. Amais, a Deputación tamén achegará a través do programa ReacPon o 70% do financiamento para a construción da nova biblioteca, cunha achega de 1,2 millóns de euros, ao que hai que sumar outras subvencións e proxectos. "O investimento en Vilagarcía é histórico, pero este vindeiro ano aínda o vai ser máis –engadiu-. Estamos a falar de preto de 3,6 millóns, unha cifra moi potente. Xa me gustaría que outras administracións investisen así en todos os concellos da provincia e particularmente en Vilagarcía, que é o centro da vida do Salnés e precisamos que vaia a toda mecha para que teña un efecto multiplicador no conxunto da provincia".

Fotos